Opinión

As eleccións xerais: tormenta ou orballo

Estas eleccións xerais son unhas das máis esperadas nas últimas décadas.

Estas eleccións xerais son unhas das máis esperadas nas últimas décadas. En boa medida, grazas ao discurso instalado por Podemos sobre un novo proceso constituínte, e ao alento dalgúns medios (agora ao servizo de Ciudadanos), para que o panorama político real mudase o menos posíbel. Sen dúbida sería unha boa nova que perdese a dereita, xa que isto debería implicar políticas menos agresivas cara á maioría social e ás nacionalidades oprimidas. Mais o rápido avance do partido de Albert Rivera, que debuxan as enquisas, podería significar un reforzamento do españolismo e do neoliberalismo. Iso si, tendo como referencia a xente moza cun sorriso nos beizos, vestimenta coidada, e figura estilizada. Polo tanto, a esta altura ren nos fai pensar que se dará unha mudanza significativa na correlación de forzas, daquela sería absurdo dar por seguro que se van producir cambios transcendentais na lexislatura.

Calquera pode ollar que Podemos foi perdendo folgos, tanto na incidencia social, como no contido e no discurso rupturista. Pablo Iglesias xa desbota un proceso constituínte e dáse por satisfeito cunha reforma. A súa campaña céntrase na procura do centro mediante fichaxes estrela (como no fútbol) nas beirarrúas dos poderes fácticos. Mesmo que este partido superase en deputados/as a Ciudadanos, non habería cambios significativos. Os seus compromisos iniciais só se manteñen en  temas que teñen certa tolerancia en sectores das clases dominantes, por exemplo: desafiuzamentos, ampliación do aborto, eliminar as últimas reformas laborais, lei de seguridade cidadá, etc. Polo tanto, non se pode esperar que radicalice a súa postura durante a lexislatura, e menos en caso de entrar no Governo. Asemade, todo apunta a que sería o segundo de abordo nun Executivo de coaligazón co PSOE, e a oposición PP/Ciudadanos a calquera reforma, especialmente no aspecto territorial, sería moi forte. Desta correlación de forzas, e da actitude das forzas reformistas, todo reflicte que non existe un contexto axeitado para reverter o proceso de globalización neoliberal, nen sequera para frear o seu avance, co que isto implica no ámbito laboral e social e no das nacións dependentes. E por suposto tampouco para nacionalizar sectores estratéxicos, como a banca, enerxía e telecomunicacións, e para que se debata a saída da OTAN, do euro e da Unión Europea.  

Calquera pode ollar que Podemos foi perdendo folgos, tanto na incidencia social, como no contido e no discurso rupturista

A única cuestión que se sae deste guión continuísta (e favorábel ao capital) é o conflito catalán, e a importancia do movemento soberanista noutras nacionalidades. É verdade que os partidos estatais máis fortes, tanto os históricos como os emerxentes, coidan que o tempo xoga en contra do movemento independentista. Resulta evidente que o soberanismo catalán, malia que gustaría diso, non pode ignorar o calendario electoral. Isto permítelle ao españolismo tomarse o desquite en Catalunya se conseguen que o soberanismo fique por detrás nas xerais. Poden intentar este desquite con certo optimismo, porque contan coa hexemonía nos medios de comunicación e co apoio dun sector da sociedade catalá con poder, e ademais estas eleccións teñen un marco que favorece tradicionalmente aos partidos de ámbito estatal. A isto hai que engadir que asemade dan folgos ás contradicións internas do nacionalismo. Se o independentismo non superase o españolismo, en todas as súas variantes, sería un respiro para as clases dominantes, mesmo que non ignoren que isto non significa que se dilúa o problema e que pode rexurdir con máis forza no futuro. Porén, teñen confianza en que a globalización desarme progresivamente as defensas nas nacións dependentes, tanto no económico e social, como no cultural e lingüístico. 

A única cuestión que se sae deste guión continuísta (e favorábel ao capital) é o conflito catalán, e a importancia do movemento soberanista noutras nacionalidades

As incertezas en relación ao conflito catalán son moitas. Nomeadamente: será de tal intensidade a confrontación e a unidade dos partidos soberanistas, como para que as clases dominantes perdan toda iniciativa? E que isto implique, que malia a presión mediática e económica, non consigan atraer o sector máis morno de CDC cunha saída cosmética e un novo financiamento para a Autonomía. Se perdesen a iniciativa, os únicos recursos que lle quedan ao sistema son a saída represiva (que hoxe está na súa primeira fase), ou un novo pacto territorial. A primeira sería a resposta dun Governo PP/Ciudadanos, e a segunda a dun Executivo PSOE/Podemos, aínda que ningún dos dous últimos explicita con claridade ate onde chegaría esa reforma territorial. Mais, como xa se dixo, o escenario que debuxan as enquisas reflicte unha correlación de forzas na que a dereita pode repetir a maioría, cun peso determinante dun partido como Ciudadanos. E isto significaría, en principio, un fortalecemento do centralismo e do neoliberalismo, malia que semelle difícil de imaxinar tal cousa. Evidentemente, que podan dar pasos nesta regresión, non só vai depender das súas intencións, senón tamén de cal sexa o grao de oposición política e social, hoxe moi debilitada a segunda polo efecto do salvador supremo que representaría un triunfo de Podemos e similares nas eleccións. Ao PP nunca lle faltaron gañas de facelo, e para o PSOE sería unha escusa para deixar todo como está e só mellorar a cuestión do reparto dos tributos con Catalunya. A conquista da independencia perfilaría outro escenario, porén necesita o seu tempo para se viabilizar. E se cadra, unha correlación de forzas máis favorábel, en varias fases, con repercusións distintas en Catalunya e no resto do Estado español, tamén na Galiza, e que a medio prazo sería moi positiva para as outras nacións dependentes. É unha opción que está viva hoxe e no futuro.

Ciudadanos, cun discurso baseado máis nas formas que nos contidos, e dende unha pretendida modernización do capitalismo e da democracia, aposta polo centralismo e o neoliberalismo

Ciudadanos, cun discurso baseado máis nas formas que nos contidos, e dende unha pretendida modernización do capitalismo e da democracia, aposta polo centralismo e o neoliberalismo. Quere reducir os servizos públicos, privatizar até onde se poda a súa xestión, e ademais blindar as competencias do Governo central e reformar o sistema electoral fortalecendo o marco e os partidos estatais. A proposta de Ciudadanos é que se elixan 175 deputados/as, por distritos non maiores que o ámbito provincial, que se escollerían individualmente. Outros 175 serían adxudicados por partidos no ámbito do Estado, cun chanzo mínimo do 3%. Unha proposta que claramente quere impedir nuns casos, e reducir noutros, a presenza dos partidos nacionalistas. 

Para alén das enquisas, os resultados definitivos das eleccións xerais poden modificar as previsións, mais non serán significativas con respecto á correlación de forzas. Aínda que, dependendo de como se configure a coaligazón governante e a fortaleza que teña a oposición, así será tamén o ritmo ao que avance ou non a globalización neoliberal, e o tipo de resposta que lle dean ao conflito catalán. E, sendo certo que ten importancia que o nacionalismo galego manteña a súa representación nas Cortes, todo indica que nesta conxuntura o centro da confrontación estará no ámbito institucional das nacións dependentes (óllese o que sucede xa en Catalunya), na mobilización social e na loita no eido das ideas. Non hai atallos. E non debemos esquecer nunca que para as clases populares das nacións subalternas, o identitario (o suxeito colectivo) é decisivo para avanzar no económico, laboral, social, cultural, lingüístico. A interdependencia entre nación e clase é un aspecto esencial para poder resolver as contradicións. Ademais, é básico o coñecemento histórico, como unha ferramenta para comprender o presente, a construción e importancia da identidade; así como cales son as tendencias dominantes e o grao de conciencia política, as relacións de clase internas e externas, e as eivas e fortalezas, rexeitando toda visión determinista.

Coido que nestas eleccións, só NÓS-Candidatura Galega (ou sexa o BNG xunto a outras forzas e independentes) garante que Galiza sega mantendo presenza nas Cortes do Estado como suxeito

Un derradeiro comentario. Son critico coas plataformas que relegan o papel dos partidos e militantes, xa que sementan ideas trabucadas en relación co suxeito político e o tipo de praxe política axeitada. En troques, coido positivo facer todas as alianzas que sexan necesarias e posíbeis, sempre que o programa, o discurso, e as persoas de referencia sexan as acaídas e aposten pola soberanía nacional e a xustiza social. No concreto, coido que nestas eleccións, só NÓS-Candidatura Galega (ou sexa o BNG xunto a outras forzas e independentes) garante que Galiza sega mantendo presenza nas Cortes do Estado como suxeito. É a única opción cun mínimo de coherencia. Non se pode dicir outro tanto das Mareas, cando nen sequera as forzas nacionalistas que as integran fan valer o concepto de soberanía alí onde depende exclusivamente da súa vontade política, ao pactar con partidos de ámbito estatal as candidaturas (renunciando á auto-organización). 

Non se vai decidir nestas eleccións o futuro de Galiza, nen nas seguintes, porque iso depende da práctica todos os días e de cambios máis grandes na acumulación de forzas. Agrandar a súa importancia, como se fose de vida ou morte para o noso futuro, coa única finalidade de alentar o voto dramatizando o momento, pode ter un efecto mínimo nos resultados e converterse nun búmerang para o nacionalismo. Volvo facer énfase nos aspectos esenciais: programa, folla de ruta, loita de ideas, mobilización, organización, política de alianzas, métodos de traballo e teimosía. E sobre todo, moita praxe; ou sexa: práctica e debate. É a arma máis eficaz contra a rutina e o derrotismo.

http://manuelmera.blogaliza.org/