Opinión

A música e Nós

En 1986 na revista Agália núm. 6, lemos "A lingua dos sons", un texto sobre a relación entre a música e a palabra, ao ano seguinte no número 10 da mesma publicación, "O oco da palavra (selecçom)",  sete composicións poéticas datadas en 1986 e que forman parte, dos tres diferentes apartados en que se dividiu a sección, co mesmo título, integrada en Música reservada (1991). Ademais de ter en conta a diferente a orde, no que podería ser xa un poemario, integrado no teu primeiro poemario publicado, é interesante para tratarmos a túa preocupación, querida LV, pola cuestión normativa, aspecto analizado polo miúdo por Carme Sanjulián, unha das voces que conforman o libro, Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta (Editorial Laiovento). Falo de textos que escribiches hai 38 anos, poida que  isto explique o pouco que foi tratado o tema este ano da elección normativa e da escrita na túa obra, asunto que semella esquecido, cuestión non menor, que aínda hoxe afecta para publicar. As editoriais que te publicaron, das que sobrevive  Laiovento, apostaron pola liberdade normativa, por iso formas parte do seu catálogo. Mais se me detiven nestes dous textos publicados en Agália e para mostrar a relación entre os dous, como se os poemas demostrasen a parte teórica dese outro lado, da palabra, o conciso ensaio, o inexpresábel para o que foi concibida a música. Cada vez, LV, encontro máis coherencia na túa obra, na progresión en como vas desenvolvendo o teu proxecto literario, onde hai un espazo para a (des)unión da música e da palabra. 

O título do texto que escribo é o do teu artigo publicado no ano 2002 na revista Enclave núm. 9,en que tratas outra das arestas do teu pensamento sobre música e palabra, o espazo dedicado á relación entre música e nacionalismo. Foi a escritora Beatriz Maceda, quen na túa homenaxe publica diariamente nas redes unha cita dalgunha das túas obras, empeñada coma algunhas outras, en que despois do 17 de maio, pasada a romaría, esta non coma o teu nome nin a túa obra, que aínda é moito o que queda por (re)descubrir. Maceda elixe o treito do texto onde sinalas que a nosa propia lingua, esa melodía peculiar, o ritmo co que medimos o noso presente, é a nosa única música xenuína e incontrovertíbel.

Quería indicar que a homenaxe que se che dedicou desde a RAG sinala unha ponte, unha continuidade, se se quere, coa homenaxe do próximo ano para as Cantareiras e a poesía popular oral. A candidatura impulsada pola académica Ana Boullón, nomea as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar. Como todos os anos cada proposta da RAG, a única, a que lle corresponde esta elección que tantas veces se esquece, contenta unhas persoas e descontenta outras, dá que falar.

Sei que o colectivo da Sega, está contento, será como celebrar a I  Nosa Señora das Letras, Dorothé Schubarth, moradora na lingua de nós.

Teremos a oportunidade, LV, de falarmos das Evidencias que nos mostrou Queizán ao nos presentar as Trobairitz, as compositoras medievais, inexistentes en nosoutras? Non o creo. Oportunidade para  cuestionarmos a etiqueta dos Séculos Escuros, para afondarmos no papel social da muller, da artista popular e, sobre todo, da transmisión da nosa única música xenuína e incontrovertíbel, a lingua. 

Comentarios