Opinión

O prezo da luz ten ideoloxía

Quérennos convencer de que o sistema de fixación dos prezos ao por maior da electricidade é neutro. Os múltiples "especialistas" que ocupan pantallas e planas para explicarnos as razóns da alza da luz afirman que se trata dunha proposta técnica sen ningunha pegada política. Ao tempo, sinalan que a súa escolla responde á simple lóxica e fechan calquera debate sobre a súa oportunidade, argumentando que é común ao conxunto dos Estados dunha UE presentada como a expresión máis rematada do progreso e do benestar.

O Chile de Augusto Pinochet e a Inglaterra de Margaret Thatcher foron os primeiros en fixar os prezos da electricidade polo sistema marxinalista. Un e outro actuaron como punta de lanza da ofensiva reaccionaria aplicando as receitas neoliberais máis salvaxes, até aquela altura reducidas a ocorrencias de profesores universitarios de escaso predicamento. Requiriuse dunha ditadura construída sobre miles de cadáveres de dirixentes obreiros e populares e dunha revolución conservadora articulada sobre unha derrota do movemento sindical para levar á práctica un paquete de medidas dirixido a maximizar o poder do capital, debilitar as forzas de traballo e asentar unhas relacións que blindasen o poder de clase das fraccións oligárquicas.

A UE tomou prestado o sistema marxinalista da experiencia chilena e británica no marco de involución neoliberal do proxecto comunitario. Ao longo da década dos 90, os diversos Estados asumiron este modelo como parte dun programa político que toma como discurso de acompañamento o relato da ineficiencia do público, a eficacia do privado e as excelencias da privatización. Non por un casual o sistema entra en vigor no Estado español da man do presidente José María Aznar e de varios dos seus ex ministros, que anos máis tarde sentaron no consello de administración das empresas enerxéticas.

O neoliberalismo gañou a batalla cando convenceu os seus adversarios da ausencia dunha alternativa ao seu modelo. Malamente poderá reducirse o recibo da luz se non somos quen de defender un sistema de fixación de prezos diferente, ao servizo das maiorías, onde lle toque perder ao oligopolio eléctrico. Tamén neste caso a ideoloxía importa.

Comentarios