Opinión

E por que Madrid non?

Máis de 50 localidades galegas mobilízanse este sábado con motivo do Día das Montañas para protestar contra os proxectos eólicos que tentan levar adiante diferentes empresas e corporacións, a maioría delas de capital estranxeiro e de carácter multinacional. Os actos reivindicativos están organizados por centos de colectivos de ámbito local e nacional aglutinados na plataforma Eólicos Así Non, do que fan parte asociacións ecoloxistas, entidades veciñais, organización sindicais e comunidades de montes en man común.

A Galiza ten claro que o futuro pasa polas enerxías renovábeis, de feito a electricidade de orixe renovábel supera en 26% o consumo interno galego, mais isto non pode significar a destrución dos valores ambientais e patrimoniais nin unha hipoteca do seu desenvolvemento futuro. A este respecto, como certifican estudos en diferentes ámbitos profesionais, a enerxía eólica ten un impacto negativo para as actividades económicas centrais nas comarcas rurais, como son a agricultura ou o turismo. Ao tempo, aquelas comarcas especializadas na xeración eólica ou hidráulica lideran o despoboamento.

A especialización produtiva da Galiza na xeración de electricidade para a exportación a outras partes do Estado é unha expresión do problema político do país e unha mostra da súa dependencia económica. A Galiza exportou no que vai de ano 35% da enerxía producida e as empresas eléctricas obtiveron entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns polas centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas. Tanto na hidráulica como na eólica o primeiro produtor da Galiza é Iberdrola. O 80% do mercado de xeración fica mans de compañías estranxeiras, ningunha das cales tributa na Galiza.

Precisamente, o mesmo día en que as galegas e galegos saen a protestar por un modelo enerxético que espolia a Galiza, Nós Diario informa que Madrid é a única comunidade do Estado que non conta con ningunha instalación eólica e que non xera electricidade procedente do vento. Se cadra, como o seu día afirmou Esperanza Aguirre, “Madrid non está para producir enerxía”.

Comentarios