Opinión

Quen vota o PP na Galiza?

O PP conta cunha ampla maioría na Cámara galega. Gañou a totalidade dos procesos electorais ao Parlamento da Galiza desde 1981, mais son diferentes os resultados nos comicios estatais e nos municipais, onde foi derrotado pola suma das papeletas das forzas nacionalistas e de esquerda nos ámbitos urbanos e nos principais núcleos de poboación. A foto final deste último rexistro electoral sitúa os populares fóra dos Gobernos das primeiras cidades do país, das grandes vilas e de tres das catro deputacións.

Estes resultados son consecuencia de factores estruturais e dalgún vector conxuntural. Entre estes destaca a propia lei electoral galega e o reparto dos escanos por circunscrición, unha fórmula impulsada desde o Goberno pola dereita dirixida a dotar de maior representación Ourense e Lugo, os territorios menos poboados e coas mellores porcentaxes de voto para o PP. Cunha norma electoral de circunscrición única, a composición do Parlamento da Galiza sería moi diferente.

Os populares ficaron fóra dos Gobernos das primeiras cidades, das grandes vilas e de tres das catro deputacións

A hexemonía dos populares está ligada ao funcionamento das estruturas de poder na Galiza. Primeiramente, a grupos económicos foráneos e a sectores da burguesía intermediaria, cuxo negocio depende en boa medida do favor público. En segundo lugar, a un control dos mecanismos de creación ideolóxica, en especial, a instrumentalización dos medios públicos e a dependencia do orzamento da Xunta dunha gran parte dos privados. Por último, a unha estrutura de partido con moita introdución social, unha forte organización e unha gran capilaridade discursiva.

A dereita dá a súa particular batalla ideolóxica na Galiza nuns termos diferentes aos do resto do Estado. Mentres Feixoo aplica unha política neoliberal en materia económica e de servizos públicos, non dubida en facer da defensa da sanidade pública un dos seus eixos discursivos. Mentres acomete un lingüicidio de dimensións descoñecidas na historia do país, sitúa o galego como símbolo de identidade. En definitiva, unha práctica españolizadora e de dereitas, cun discurso galeguista e centrado, para unha sociedade moi crítica co centralismo e xirada á esquerda.

Comentarios