Opinión

As fontes

Como alguén que fixo o doutoramento como unha especie de afección febril, levada pola curiosidade sen máis, nunca deixan de fascinarme certas convencións do espazo académico. Sen dúbida é este un lugar no que cómpre deconstruír constantemente a xerarquía, a explotación (penso en todos os traballos non remunerados como a famosa "revisión por pares"), a violencia contra aquelas que nos negamos á política do pedigree.

Sinalemos primeiro que o acceso á universidade é algo complicado para moitas persoas por cuestións de índole puramente material, e para moitas outras polos círculos de exclusión que se crean para quen chegamos como primeira xeración a certos espazos, sen pais e mais con estudos superiores, sen conexións co mundo académico.

Observo con frecuencia que hai persoas que, dende ese punto de partida, engulipan de xeito extremo, como novas conversas, o discurso do academicismo máis rancio: escribir e divulgar de xeito elitista, actuar de "gardametas" para que só entre quen unha quere en certos espazos, roubar ideas e traballos. A min gústame ler cousas complexas, mais non creo en absoluto que a erudición consista niso. Tamén creo firmemente, porque o vivín na miña familia e o experimento con moitas mulleres que non saben ler nin escribir, que o coñecemento é algo que se produce de xeito moito máis biodiverso.

Esixir citar certas fontes e desbotar outras como irrelevantes convértese nun exercicio de hostilidade e violencia cara a certas vidas que cómpre poñer en cuestión con urxencia. Por fortuna, as pensadoras do sur, racializadas, decoloniais hai moito que nos ofrecen ferramentas, mais, coma unha mala película que se repite, non se usan porque sen citar certos nomes non hai lexitimidade.

Mais precisamente polo seu traballo incesante, porque me considero produto dos seus esforzos (non quero pensar nas revisións que deberon recibir artigos como Baixo a ollada occidental, de Mohanty, as reflexións de bell hooks ou de tantas outras), véxome na obriga permanente de rachar a posición de obxecto na que en certos espazos académicos insisten en poñerme. Recentemente vinme na tesitura de ter que contestar nun congreso a unha pregunta sobre a lista de libros que lera para escribir Cobiza. E deume por pensar que esa insistencia nas fontes ignora que estas non se fixeron para determinar xerarquicamente quen ten dereito a falar, senón para dar de beber, para mollarnos e refrescarnos.

Comentarios