Opinión

Causa-consecuencia

Ao fío das reaccións ante a medalla de Ana Peleteiro volvo escoitar que en Galicia “non somos racistas”. Primeiro, non somos as persoas brancas quen estamos en situación de avaliar isto, pois non son os nosos corpos os que experimentan a violencia. Non teño dúbida de que as persoas racializadas en Galicia sofren diferentes tipos de discriminación sistémica, que comeza cos silencios, a falla de representación e os estereotipos.

Nunha visita recente á miña familia montañesa, persoas sen relación directa ningunha coa escola tentaron explicarme que “grupos” eran “conflitivos” no colexio. Considerando que tanto meu pai coma o meu tío foron uns pezas de coidado, non puiden evitar indicar que sen dúbida o grupo máis “conflitivo”, aínda que fose só dende un punto de vista numérico, habían ser xs galegxs brancxs e de relixión cristiá. 

Esta semana pasada unha compañeira xitana denunciaba o trato recibido nas urxencias de Fingoi, en Lugo. O racismo obvio no trato (recomendo escoitala a ela directamente) únese á persecución das persoas xitanas nas tendas, á eliminación sistemática da súa lingua e historia, á representación lesiva. 
Seguindo no espazo médico, hai un tempo a xinecóloga dunha amiga explicáballe que na menopausa hai que ser “coma as cubanas” (querendo dar a entender moi activas sexualmente por non dicir outra cousa).

A isto engádenselle unha morea de accións institucionais. Sen ir máis lonxe, o escritor desafortunadamente escollido para as Letras Galegas de 2022 pode dar exemplo penoso da representación das mulleres negras coma obxectos sexualizados. Á Academia non lle pareceu relevante o seu racismo. En breve seguro que temos que escoitar que “eran outros tempos”, coma se “noutros tempos” (morreu no 1987, que tempos?) as persoas negras non tivesen pensamento colectivo propio e dignidade.

As palabras e estereotipos racistas forman parte fundamental das estruturas de violencia sistémica contra as persoas racializadas a todos os niveis. Establecen unha relación causa-consecuencia na que a causa somos nós, as persoas brancas. Ser antirracistas esíxenos intervir e estar alerta en todo momento con respecto ao que dicimos, facemos e permitimos dicir e facer ao noso arredor. Ese proceso empeza por asumir que como pobo branco a nosa sociedade baséase en estruturas racistas e a partir de aí poderemos desmontalas cada día. Porque o que non é discutible son as consecuencias.

Comentarios