Opinión

O refuxio

Abonda con abrir calquera cabeceira para comprobar que o número de mulleres que escribimos nas seccións de opinión segue a ser pequeno. A Opinión é un elemento do espazo público no que se nos permite expresarnos, compartir e contribuír á reflexión colectiva ao redor dos temas que nos atravesan, que coñecemos, que nos conmoven ou que nos interesan.

Na miña experiencia, comprobo con frecuencia como as mulleres son moito máis reticentes a ocupar este tipo de espazo: sempre pensamos que non valemos, que a nosa opinión conta menos, temos sobrecarga de traballos do coidado, recibimos agresións moito máis virulentas en canto empuñamos a pluma publicamente... Mais tamén é certo que se hai mulleres opinando é porque hai outras mulleres que fixeron o esforzo de abrir o espazo, de dar o noso nome, de enfrontarse a estruturas para que outras tamén esteamos aí. Só por iso cómpre dicir SI.

Non vou negar que a escrita semanal dunha columna é un traballo por veces complexo. Hai días nos que unha sabe con moita certeza de que quere falar, outros nos que os acontecementos sociais impulsan. Hai días nos que unha está máis inspirada ca outros, mais o que para min é importante é o respecto ás persoas que se achegan ao que escribo con interese. Eu, polo menos, asumo con moita seriedade o compromiso con elas, convosco. Coido que durante todo o tempo que levo colaborando con este xornal, só faltei unha vez a esta cita nos días despois da morte da miña mai. A escrita destas columnas acontece en calquera lugar, no móbil mentres corro, na cociña, no tren, en aeroportos. Esta redáctoa o día de Nadal, nunha pausa de fregar despois da cea de Noiteboa, observando un Lugo cuberto pola xeada mentres penso na miña mai.

Son sempre consciente do privilexio de ocupar este espazo e hoxe quero darvos as grazas a todas as persoas que vos achegades a comentarme que me ledes, que compartides o que escribo, que o usades nas clases, nos debates. As palabras só importan se hai alguén do outro lado para lles dar vida.

Fronte aos que insisten no comentario destrutivo, sen dúbida para seguir enviando a mensaxe de que ás mulleres non nos corresponde o espazo público, grazas a quen alentades. Pois ningunha somos incansables e se somos quen de tirar cara adiante en contextos hostís é porque hai persoas que son refuxio. A elas, ás do privado e ás do público, grazas por acompañarme e permitirme manter esta fiestra que compartimos.

Comentarios