Opinión

Humillar a Putin

Cos últimos reveses militares nas frontes de Ucraína, ponte de Kerch incluída, comezan a oírse voces que reclaman non acurralar a Putin ou, cando menos, non humillalo, como dixo hai pouco o presidente Macron. E non pensan só en que poidan facer uso dunha arma nuclear táctica. Non creo que desbotasen tal posibilidade, todo pode acontecer, mais a detonación dunha arma así derrubaría as bolsas e volvería tolos aos mercados. Non creo que os chineses gostasen desta posibilidade e xa llo farían saber aos rusos. Máis ben pensan que podería acontecer na Nai Rusia no caso de que o seu líder puidese ser apartado polas boas ou polas más do poder. Pero cando din isto xa están implicitamente a humillalo, pois están a afirmar de forma velada que poden depolo cando queiran e que se mantén o poder é só porque os occidentais tiveron misericordia del. A un líder dunha suposta superpotencia non se lle pode falar neses termos, salvo que o que se pretenda sexa tutelalo, isto é, mantelo no poder como un monicreque ás ordes de occidente para que conserve seus intereses ben custodiados e non se alborote o país.

O certo é que Putin e a súa equipa están a contribuír tamén a esta humillación. O feito de que os rusos non sexan quen de facer cumprir os seus pactos e protexer a Armenia, territorio no que teñen presenza militar, é un bo exemplo. Ou peor aínda, ver os líderes azerí e armenio conversando nunha mesa con Macron e Michel, presidente do consello europeo, informa de que non están a contar xa cos rusos para dirimir os seus conflitos. O feito de que na retirada de Lyman as tropas rusas non tivesen apoio aéreo co conseguinte masacre de soldados rusos informa tamén da moi baixa capacidade que ten o exército ruso, quen non pode nin protexer aos seus.

Pero a humillación máis grave, ao meu entender, é que diante da ameaza de facer uso da arma nuclear os americanos respondan que non se han dignar sequera en devolverlla con outra. Simplemente din que de darse tal suposto varrerían do mapa as tropas rusas na Ucraína e ocuparían a Crimea, algo que por certo poderían facer sen gran problema pois, a diferenza dos rusos, aínda non usaron as armas de última xeración das que dispoñen e limitan aos ucraínos o uso das que teñen, que non son as máis modernas, precisamente para que non enfronten os rusos destruíndo cidades no seu territorio. Están de certo modo tutelando as forzas ucraínas para que non abusen do seu poderío, o que tampouco deixa quedar en moi bo lugar aos rusos. Un inimigo de verdade combátese con todo o que se ten e o que se está subrepticiamente a dicir é que os rusos son inimigo pequeno, co que se pode usar arsenal de segunda clase para non abusar. O da estratexia ianqui de resposta ao nuclear sorprendeume especialmente, pois ao ter lido no seu tempo os estrategas políticos norteamericanos dos anos da guerra fría sobre as posíbeis respostas a este desafío, xente como Schelling, Kahn ou Wolhstettter, a posibilidade de non responder coa mesma arma case nin se consideraba. Isto é, a antiga URSS era considerada como un igual non só na retórica senón tamén na práctica e as estratexias definíanse sobre tal presuposto. Agora xa non merece tal tratamento, senón o dunha potencia convencional, e é isto precisamente o que debe ser máis humillante para Putin e a súa elite dirixente, que polo que vexo pensa que vivimos noutro tempo.

Comentarios