Opinión

Idade Media

Ceo que de todas as épocas históricas a chamada Idade Media debe ser das que peor reputación ten entre a cidadanía. Pintada sempre como unha era de tebras e supersticións é usada con frecuencia na linguaxe política como epíteto denigrante de calquera proposta que non é do agrado do interlocutor e como exemplo de a onde nos levaría tal ou cal proposta. Os chamados ilustrados crearon unha lenda negra arredor dela, lenda que parece inmune a calquera argumento en contra que se lle dea. Sempre digo medio en broma medio en serio que non envexo a sorte dos profesores de Historia Medieval, que dá igual o que eles demostren nos seus estudos que no imaxinario popular tal época vai ser sempre o paradigma da infamia. Pero os ilustrados, que foron quen crearon tal lenda, sabían ben o que facían. Primeiro, porque no podían tolerar que unha época tan relixiosa fose tamén unha era de esplendor político e cultural. Éralles necesario, por tanto, asociala con supersticións, inquisicións e cazas de bruxas (todas elas, por certo, viron o seu apoxeo no Renacemento, ao igual que o revivir da escravitude) para poder denigrala a gusto. Mais a Idade Media tiña outra característica da que non gustaban moito nin aos ilustrados nin aos modernos construtores de estados centralizados, que era a da súa fragmentación política.

Na Idade Media existían en Europa centos de unidades políticas. Dixen ben, centos. E desa fascinante fragmentación xurdiu o xenio político, cultural e económico da nosa civilización, como ben apuntan Jean Baechler ou Eric Jones. Taifas, cidades-estado, reinos e principados eclesiásticos convivían sen gran problema no espazo europeo (os problemas serios viñeron despois cando confrontaron grandes estados) e esta variedade permitiu o desenvolvemento de liberdades, de cultura e de mercados que construíron boa parte do que somos. Mais todo este esplendor foi borrado coa chegada dos modernos estados nacionais, que para lexitimarse tiveron que borrar e tamén denigrar este pasado. As taifas, por exemplo, na historiografía hispana, son difamadas como unha era de caos e confrontación que non se corresponde co que foron realmente, unha era de gran esplendor cultural e prosperidade económica, como ben amosan as obras de René Guichard. Os historiadores dos modernos estados "nacionais"  europeos fixeron algo semellante cos seus reinos e principados medievais (salvo, claro está, con aqueles que resultaron triunfantes como Castela, Inglaterra ou a Illa de Francia que foron, en cambio, glorificados) e fixeron todo o posíbel ben por borrar a súa memoria ben por infravaloralos. Sempre me fixo graza, por exemplo que a orde dos reis de España corresponda coa dos reis de Castela, como se non houbese outros reinos na configuración do actual Estado español.

Galiza non foi distinta a estes procesos e o noso esplendor político e relixioso medieval foi borrado dos libros de Historia chegando a ser descoñecido non só para os españois senón para os propios galegos, que mesmo non saben que os seus reis están soterrados na catedral de Santiago de Compostela. É máis, descoñecen incluso que tivemos reis propios, pois esa época da historia cando non é ignorada é denigrada, igual que acontece en moitos outros lugares da moderna Europa, que tamén busca borrar ese período da historia, que non se caracterizaba precisamente pola unidade política.

Benvidos sexan pois os estudos, como os que se destacan neste xornal, que contribúen a lembrar o noso pasado, e non só para lembralo senón para inspirar, imaxinar un futuro baseado nos valores que nos construíron como pobo.

Comentarios