Opinión

As leis de ferro dos partidos

Un vello profesor de teoría política, George Catlin, gustaba de recomendar aos seus estudantes que se querían entender ben o seu obxecto de estudo farían ben en afiliarse a algún partido político, o que máis gustasen ou o que menos lles desagradase. Nin sequera necesitarían unha grande implicación nel nin formar parte das súas directivas. Con ir de vez en cando polas sedes ou asistir a congresos, asembleas ou procesos electorais internos e observalos cos ollos dun estudante de política sería suficiente para entender o funcionamento real dunha organización política moderna. Que por certo difire bastante do que adoitan ensinar a maioría dos libros de texto ou os principais teóricos universitarios (con algunhas honrosas excepcións), que dan, en xeral, unha visión moi edulcorada e irreal das dinámicas partidarias.

E que vai ser o que atoparía un moderno estudante de política que accedese a un partido na nosa contorna? O primeiro que vería se o analiza ben é unha maquinaria pensada para acadar o político nun estado. Moita xente aínda cree que os partidos son foros de discusión ou ateneos nos que a xente vai a discutir ideas ou estratexias e no que calquera podería criticar as que nese momento imperan na dirección do partido. Nada máis errado. Para discutir xa temos foros dabondo, como O Galo ou O Facho, as aulas universitarias ou as redes sociais e os medios de comunicación. Verían tamén que as ideas estratéxicas da organización non son establecidas polo mellor argumento senón polo voto ou pola mellor capacidade de organización. E así debe ser, se non a dirección do partido estaría sometida á crítica permanente e afectaría seriamente á súa capacidade operativa. Confundir a un partido cun foro de debate ten levado a moitas divisións internas, sobre todo nos partidos de esquerdas moi dados ao faccionalismo ideolóxico, pois a excesiva teorización non casa ben cunha organización eficaz.

Tamén poderán observar que os partidos funcionan nun estado de anarquía permanente, aínda que externamente poida parecer todo o contrario. A dirección está sempre a ser ameazada polas divisións internas e desafiada continuamente por grupos organizados na propia militancia. Só hai unha cousa que os fai permanecer unidos detrás da executiva, a expectativa de que con ela hanse acadar os obxectivos da organización, isto é: cumprir uns obxectivos políticos, acadar cargos no aparato estatal ou, o máis común, ambas as dúas cousas ao tempo. No caso de que militantes e achegados perciban que a dirección non vai ser quen de acadalos comezarán os movementos para substituíla, pois esta non vai ter ningún incentivo que lles ofrecer. De aí que, tras derrotas continuadas, a posición da dirección é insostíbel, e temos moitos exemplos recentes para contrastalo.

O que non han ver os nosos estudantes é o espectáculo duns líderes de partido esfolándose en público, como está a acontecer en Madrid. E non o farán porque non vai suceder máis, pois un partido que así o faga non só perderá, senón que desaparecerá, de aí o insólito da situación. Todos sabemos que dentro dos partidos existen odios intensos e envexas pero tamén sabemos que estas non se deben explicitar, ao contrario, deben ser disimuladas con bicos e apertas en público. Unha exposición pública das diferenzas obriga aos militantes a tomar unha posición creando divisións permanentes e, sobre todo, dá a imaxe cara a fóra de que non saben gobernarse a si propios. E uns dirixentes que non son capaces de manter a orde na súa propia casa dificilmente van ser capaces de gobernar aos demais. Un partido así remata implosionando e desaparecendo, e isto quéirase ou non terá consecuencias para todos os demais e en todas partes, sacudindo incluso a política galega a medio prazo, obrigando aos cargos do PP a tomar unha posición. Moito falan dos demais pero a política madrileña non parece ser un exemplo a seguir.

Comentarios