Opinión

Os erros de Putin

Hai algúns anos Chalmers Johnson, un economista especializado en política industrial, escribiu unha triloxía de libros moi críticos co imperialismo americano. No máis célebre deles, Blowback, o autor postula, en analoxía coas teorías críticas do intervencionismo económico, a tese de que as intervencións violentas do imperio norteamericano nos asuntos doutros países adoitaban traer consecuencias non previstas polos seus gobernantes. Estas podían adoptar formas diversas e en distintas localizacións espaciais ou temporais pero sempre co resultado de danar a posición do imperio. Isto é, non só non neutralizaban ou eliminaban ameazas senón que as facían máis graves. A intervención en Libia, por exemplo, e seguindo esta tese, non só desestabilizaría o país e o colocaría en mans do ISIS senón que crearía conflitos no Sahel ou reforzaría os rebeldes sirios co arsenal libio.

Un efecto de Blowback (algo así como un efecto de boomerang) pode estar a acontecerlle agora a Putin co erro da súa intervención na Ucraína, pois son varios os efectos non desexados que lle pode traer a súa intervención. En primeiro lugar, a intervención amosa debilidade, por estraño que poida parecer. Calquera estudoso da política sabe que a forza pode insinuarse, máis cando se exerce é porque senten que se lles perdeu o respecto e queren facela ver. É esta a razón pola cal os gobernos ben lexitimados a exercen moi moderadamente mentres que son os inseguros os que reprimen con forza. A propia ameaza nuclear amosa máis desesperación que seguridade. E non só o amosa o uso da forza senón tamén a desproporción da mesma en relación co obxectivo a buscar. Se se tivera circunscrito ao Donbás podería vendelo mellor e incluso gozar de simpatías. O efecto negativo é que perde boa parte dos apoios políticos e simpatías que a súa causa puidera ter, que como xa se ten manifestado nestas páxinas ten moito de xusta. Agora poucos apoios lle quedan, incluso entre gobernos que antes lle eran afíns. Tampouco a retórica da desnazificación lle axuda nun país como a Ucraína dirixido por un xudeu, escollido polo 70% dos votantes. Os neonazis, que é certo que existen, pasan a ser agora unha das principais referencias da resistencia e en vez de ser vilificados van pasar a ser mitificados como loitadores pola patria, pois presumibelmente van estar entre os grupos que con maior ferocidade combatan ao invasor, pola conta que lles trae.

Se o que quería era debilitar a NATO tamén está a conseguir o efecto oposto. Esta pasou da case irrelevancia e de dedicarse a combater o cambio climático a ser de novo unha organización militar operativa. E o que é peor, volta a ser unha organización atractiva para moitos países, pois moitos deles verán nestes acontecementos o que ocorre cando non se é membro.

O último erro é o da estratexia seguida para ganar a guerra e a non consideración dos custos económicos da mesma. Parece que buscaban un golpe rápido para descabezar o réxime ucraíno e logo colocar un monicreque de Putin ao mando para garantir a neutralidade. Máis o presidente Zelinski non escapou nunha moto como o Mullah Omar e quedou no país a resistir, algo co que non contaban. Tampouco o exército ruso parece ser especialmente eficaz. De resistir os ucraínos, como están a facer cando escribo estas liñas, e ser capaces de presentar unha batalla continuada, o custo en vidas de soldados rusos e o custo económico para un país de renda non moi alta pode ser inasumíbel e custarlle o posto a Putin. Ademais, os inimigos e incluso "amigos" como os chineses cheirarían a debilidade e, sen dúbida, aproveitaríana. Podo equivocarme, pois o discorrer das guerras non pode ser previsto, pero algo me di que Putin non fixo bo negocio e que nas negociacións os rusos van pedir pouco máis que unha saída digna.

Comentarios