Opinión

Rectificación de voto

Sempre me chamou a atención o feito de que cando un está a facer unha fila para unha xestión é frecuente que a persoa encargada, funcionaria ou empregada atenda prioritariamente a quen fai chamada telefónica antes que a quen tomou a molestia de acudir en persoa ao recinto. Digo eu que quen terá que agardar máis é quen usa o servizo a distancia e non quen gastou tempo e diñeiro en desprazarse, pero non parece entenderse así e supoño que algunha razón haberá. Digo que debe ter algunha lóxica porque agora estase a falar do dereito a rectificación dos votos emitidos de forma telemática nos parlamentos, e isto implica que quen vote a distancia teña dereito a rectificar, mentres que quen o faga presencialmente non o teña.
Se nos parlamentos do mundo aínda se reúnen en sesións plenarias non é por manter tradicións ou ritos do pasado senón para garantir que quen emite o voto é a mesma persoa que foi electa e ten dereito á acta. Isto é para impedir que eu lle poida dar as miñas claves informáticas a outras persoas e estas poidan votar por min. De feito, no caso do deputado do PP que errou seu voto nin sequera poderiamos saber a ciencia certa se foi el quen usou o dispositivo de voto, neste caso un teléfono móbil. Calquera que teña asistido a algunha votación telemática sabe perfectamente que cos contrasinais de algún amigo ou coñecido pódese votar por el sen moitos problemas se nos facilita as claves ou nos deixa usar o seu dispositivo.

O voto a distancia ten a súa lóxica en moitos casos pero esta excepción á norma baixo ningún concepto debería implicar privilexio fronte a quen o fai presencialmente. De feito, no procedemento para escoller os representantes no parlamento a rectificación do voto non esta permitida, nin no voto en furna, nin tampouco no voto por correo, como é lóxico. Quen se equivoca debe asumir as consecuencias e isto na miña opinión non é mala cousa, basicamente porque ensina ás persoas a responsabilizarse das súas decisións, sobre todo se estas son de gran transcendencia como era o caso. Na vida hai moitas decisións irreversíbeis e nas que non existe unha segunda oportunidade, afecten estas a aspectos vitais ou a aspectos irrelevantes. Un xogo de cartas no que puidésemos rectificar ou un partido de fútbol no que o porteiro ou o dianteiro puidesen rectificar o erro que elimina o seu club. Perderíase a esencia do xogo. Ou pensemos nas decisións de compra dun comerciante ou dun investidor, arriscan grandes sumas de diñeiro. Non cabe segunda oportunidade sen arruinar o funcionamento do comercio, pois daríase unha grande inseguridade xurídica. Ou pensemos nun opositor que xoga o seu futuro profesional nun exame e dubida ao contestar. Non hai nin debe haber posibilidade de emenda posterior. O correcto nestes casos é meditar ben o que se fai e decidir en consecuencia. Moito me temo que o deputado que errou o voto non fixo nada diso, e iso é o máis irritante, non o erro en si.

Moi probablemente nin leu o que estaba a votar ou seguiu unha instrución que non interpretou ben, pois seica votou mal varias veces máis no mesmo día. Nunha decisión deste tipo, que afecta e de forma substancial á vida de millóns de persoas non debería estar permitido nin o erro e moito menos a rectificación do mesmo, pois entón, con moita probabilidade, as votacións serían aínda máis irresponsábeis e non tomadas a serio. Sempre se podería corrixir. O deputado debe ser responsábel do que fixo, tomar en serio o seu traballo, e quen alí o puxo apandar coas consecuencias. A ver se doutra aprenden.

Comentarios