Opinión

Notas de amizade

Arde Galiza neste cálido mes de xullo que, talvez, sexa o máis fresco dos que nos queden por vivir. Arde e choramos a desgraza e asoma a rabia da repetida traxedia –un Prestige do interior– que, non por coñecida, doe menos, e as xentes das serras courelás, que salvaron as aldeas co tesón e o coñecemento do territorio de quen vive nelas, non só nos deixan a indignación profunda senón unha mensaxe de esperanza. Dunha patria que se constrúe tamén refrescando os perímetros dos lugares ou constatando a fortaleza dos soutos fronte ás plantacións de piñeiros. Unha patria arde de carraxe, pero tamén de ansia de futuro.

Porque fronte a quen clama contra as que, supostamente, merecemos todo por, tamén supostamente, votar mal, están as mans de quen traballa por un destino diferente no interior galego que supere tópicos e lamentos. Porque a patria é de quen ama, e foi amor o que levou ás bravas xentes do Courel a defender a súa Memoria e sustento vital. Porque a patria é tamén cando nas festas do patrón escoitamos o dúo desafinado sen bailar nin case falar máis ca do tempo, pero estando, simplemente, observando que ben se conserva a señora Carme ou como medraron os fillos das curmás de Vigo.

Tamén patria é cando estes escorregan polo tobogán no parque de Navia as tardes solleiras coa avoa namentres traballa mamá e papá. A patria das avoas e avós que saíron da Pena ou de Francos nos sesenta e souberon o que eran as vacacións en Francia ou nas Baleares. Unha patria diversa e contraditoria como nós somos, seres humanos; a patria do Aldán que lle deixa á Estrela notas de amizade en castelán –"te quiero Estrela"–, o que ambos falan, coa súa letra bailadora de ciclo de infantil, malia que nas súas casas non escoitan máis ca galego.

A patria é querer ao Aldán e á Estrela e traballar por un futuro da nosa lingua normalizada sen constrinxilos no corpiño do que pensamos correcto. Porque a patria nosa é unha loita dende o amor e a felicidade, non dende a desesperanza.

Comentarios