Opinión

23.000 electores menos na Galiza nas municipais

Na Galiza temos un problema que explica que en cada proceso electoral haxa menos electores. Trátase do envellecemento poboacional. Cada catro anos morren máis persoas vellas que xoves chegan a cumprir a súa maioría de idade. Ademáis dos problemas cognitivos e de outra índole que minguan a capacidade de voto de moitos dos nosos maiores.

Galiza conta cada proceso electoral con menos representación nas Cortes Españolas debido á merma poboacional.

O envellecemento poboacional e a dispersión da nosa poboación están danando a nación galega. A influencia dos galegos nos partidos de ámbito estatal e cada día menor, ainda que Feijoó marchara a Madrid facer as españas para o PP.

Agás o BNG, que ten unicamente obediencia os intereses das galegas e dos galegos, perden forza dentro do PSOE, PP, Sumar, Unidas Podemos e tódolos outros partidos de ámbito español. Galiza ten unha poboación de tan só dous millóns setecentos mil habitantes; penso que para ter unha nación competitiva precisaríamos de cinco millóns de habitantes.

Se unha parte dos galegos e galegas non queremos formar parte do estado español non é tan só pola diferenciación cultural senón tamén porque aspiramos a gobernar os nosos impostos. Vimos reclamando dende hai moitos anos o concerto económico para Galiza. Estou convencido de que xestionar libremente os nosos impostos sería positivo para o país.

En Euskal Herría o concerto económico é unha realidade que foi posible pola forza que Euskadi tiña cos partidos nacionalistas e independentistas no momento de facerse a Constitución de 1978.

Lembro que en Catalunya ERC fixo unha gran campaña reclamando o concerto económico e non foi quen de acadalo.

O estado centralista español quere ter participación nos nosos impostos  e é por iso que non permite aos galegos nin aos cataláns ter un concerto semellante ó de Euskadi. Teremos que traballar polo retorno dos emigrantes que o desexen para así acadar máis votantes e loitar polo concerto económico para Galiza.

Comentarios