Opinión

Persoas dependentes

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusa o PP de facer electoralismo dende a Xunta coas persoas dependentes. O anuncio da Xunta de 100 millóns de euros destinados aos coidados a maiores e dependentes que son atendidos no seu fogar para que poidan pasar o maior tempo posible no seu entorno familiar é unha burla cara a estes dependentes. Todos sabemos o tempo que se tarda en valorar a unha persoa para adxudicarlle un grao de dependencia. Despois de recoñecida esta pásase a solicitar o servizo de axuda no fogar (SAF), un novo calvario que dura anos. Cando este é concedido hai que ver cantas horas se conceden, tres como máximo, totalmente insuficientes. Ante este panorama é imposible que un dependente poida estar na súa casa atendido dignamente. Vai a Xunta facer nuns meses o que non fixo ata o de agora?

“Queren facer en catorce días o que non fixeron en catorce anos” di a lideresa nacionalista. Este é un tema que trato no meu próximo libro, Coidados de maiores e enfermos, que terá a súa primeira presentación o 28 de novembro na Libraría Pedreira de Santiago (Rúa do Home Santo, 55) ás 19.30h, co autor e con Iria Carreira, deputada do BNG e médica.

O PP non só fai electoralismo con este tema, senón que non cumpre os seus compromisos en temas de dependencia, recoñecementos da dependencia cando o solicitante xa faleceu, concesión de horas do SAF cando xa non se precisan ou se precisan máis, listas de espera de anos para obter unha praza nunha residencia pública…

As residencias, na súa gran maioría privadas, cobran unha cantidade desorbitada polos seus servizos, de 2.000 a 3.000 € por habitación compartida. Tería que haber prazas públicas suficientes para que todos puidésemos pagar coa pensión a nosa estancia. A ninguén lle chegan os cartos da pensión e ten que pedir axuda a familia, país a fillos e a inversa, isto supón un menoscabo importante sobre a economía familiar, ademais doutras preocupacións.

A alternativa, penso eu, pasa por construír máis residencias públicas xestionadas dende a administración pública non cedéndolles a súa xestión a entidades privadas coma está a pasar en máis ocasións das que desexariamos.

É este un tema que me encanta que trate Ana Pontón, porque se hai un Goberno bipartito na Xunta de Galiza presidido polo BNG teríase que meter neste tema de cheo.

Comentarios