Opinión

AP-9: Unha peaxe sobre Galicia

Como ten lembrado o economista compostelán XA Pena Beiroa, a AP-9 foi nacionalizada por Felipe González no 1984 e pertenceu ao sector público até a súa privatización no 2003. Mais o grande truco desta privatización foi o alongamento da concesión- que remataba no 2023- decidido por Aznar coa autoestrada aínda pública, no 2000. Das resultas desta decisión a concesión non rematará até 2048. O prezo en troques desta prórroga de 25 anos? A simple gratuidade do treito Rande-Puxeiros. 

"Mentres a principal vía de comunicación da Galicia acada níveis inaturábeis para o consumo medio, as cidades andaluzas ou castelás desfrutan de comunicación por autovía de balde".

Velaí o moi rendíbel da súa privatización, primeiro para Sacyr e despois para o Citibank. Porque a concesionaria acadou-como nos lembra o devandito economista- entre 2003 e 2011 un incríbel beneficio de 463,55 M€, máis dun 37% sobre facturación. E a peaxe da autoestrada, nos once anos desque a privatizaron, subiu un 57% por riba do IPC acumulado. Mentres a principal vía de comunicación da Galicia acada níveis inaturábeis para o consumo medio, as cidades andaluzas ou castelás desfrutan de comunicación por autovía de balde. De feito, na fin do 2011, existían máis de 1300 kms de autovía gratuíta na Andalucía. 

O Presidente Feijóo ven de reclamar a transferencia da autoestrada á Xunta de Galicia. Unha transferencia que ven esixida no artigo 27.8 do noso Estatuto, que dispón a competencia do Poder Galego a respecto de todas as vías de comunicación que nazan e morran no País. Compre lembrar, a este respecto, que a AP-9 non chega á fronteira portuguesa.

Mais sabe o Presidente que as transferencias compre pedilas institucionalmente. Xa que logo, a Consellaría e o Ministerio competentes han discutir as cuestións técnicas e a Xunta ha convocar a Comisión Mixta de Transferencias para ratificar a cesión competencial. 

Porque pode estar certo o Presidente que unha tal decisión tería o apoio unánime da cidadanía galega e sería resolúbel neste primeiro trimestre do 2014, tendo en conta ese clima bilateral de cooperación que disque existe entre os Gobernos de Madrid e Compostela.

Comentarios