Letras Galegas

Así foi a homenaxe a Luísa Villalta na Coruña

Baixo o lema Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, o acto lembrou a creadora en todas as súas facetas e, tamén, a persoa implicada social e politicamente.
Floran Vlashi ao violín e Marica Campo recitando, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Floran Vlashi ao violín e Marica Campo recitando, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura celebrou esta cuarta feira -xusto no día en que se conmemoraba o vixésimo aniversario do seu repentino e inesperado pasamento, cando só contaba con 46 anos- o primeiro grande acto de homenaxe e de celebración popular de Luísa Villalta, á quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Baixo o lema Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, o acto lembrou a creadora en todas as súas facetas e, tamén, a persoa implicada social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

"Estamos a celebrar a vitalidade da súa pegada como creadora e mantedora da cultura galega e do seu exemplo ético, cívico e político como galega de nacencia e de conciencia", declaraba o presidente da Federación, Xosé Manuel Carril, na presentación do acto, xusto antes de que os poetas Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga protagonizasen un recital poético no que declamaron a poesía de Luísa Villalta xunto a versos propios cos que lembraban a súa figura. 

A profesora e escritora María Pilar García Negro deu lectura logo a un texto, Luísa Villalta: "Eu renazo galega", no que lembraba a homenaxeada como activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos como a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega ou o Foro Negro da Cultura nado despois do naufraxio do Prestige.

Seguiu a actuación do actor Miguel Pernas, coa peza de Villalta Concerto para un home só, e o concerto do Grupo Instrumental Siglo XX, que interpretou pezas de Paulino Pereiro, entre elas O paseo das esfinxes. Op.49, (música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta)

Rematou Xurxo Souto coa intervención O outro lado da música, título homónimo do ensaio de Villalta de 1999 no que puxo en valor a atracción que senten entre elas a poesía e a música.

Comentarios