A inflación industrial cae 7% polo menor custo enerxético

O índice interanual de prezos industriais descendeu no mes de xuño 6,9% na Galiza, influenciado polo abaratamento dos custos enerxéticos. Porén, este dato publicado esta segunda feira indica que a baixada no país é máis dun punto porcentual menos pronunciada que a experimentada no Estado.
Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).

A inflación industrial descendeu 6,9% en xuño na Galiza respecto do mesmo mes do ano anterior, debido ao forte descenso do custo da enerxía, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A caída dos prezos industriais na Galiza foi máis dun punto porcentual menos acentuada que a rexistrada na media estatal, xa que no conxunto do Estado a baixada interanual dos prezos fabrís alcanzou 8,1%.

En relación a maio, os prezos da industria subiron 1,6% na Galiza, mentres que no que vai de ano acumulan unha baixada de 3,9%. A suba de prezos en termos mensuais é case un punto porcentual menos pronunciada que a experimentada no Estado, cunha taxa de 0,7%. 

O descenso dos prezos industriais rexistrado en xuño na Galiza débese á baixada interanual da enerxía, cunha caída de 26,3%, polo menor incremento do refino de petróleo en comparación coa do mesmo mes de 2022 e polo abaratamento rexistrado na produción de gas.

Neste sentido, o Banco de España estimou nesta segunda feira que unha parte da caída na demanda de gas natural das empresas podería ter un carácter "estrutural" e non retomar os seus valores previos.

Por outra parte, por destino económico, os bens de consumo (produtos ou servizos xa preparados para satisfacer as necesidades das usuarias e usuarios finais) subiron 9,7%, mentres que os bens de equipo (os necesarios para a produción de bens e servizos nas empresas) aumentaron o seu prezo 1%. Pola contra, os bens intermedios (os recursos materiais, bens e servizos que se utilizan durante o proceso produtivo) caeron 0,7% con respecto a xuño de 2022.

Naturgy aumenta até en 88% os seus beneficios

A pesar do abaratamento da enerxía nos últimos 12 meses que permitiu que os custos industriais descenderan, as empresas enerxéticas seguen aumentando os seus beneficios.

Neste sentido, segundo transcendeu esta segunda feira, Naturgy obtivo un beneficio neto de 1.045 millóns de euros no primeiro semestre do ano, o que representa un incremento de 87,6% con respecto ao mesmo período do exercicio pasado.

Descenso da actividade económica na zona euro

A deterioración da actividade do sector privado da zona euro acentuouse en xullo como consecuencia do empeoramento da demanda, particularmente no sector manufactureiro, segundo reflectiu esta segunda feira o dato adiantado do índice composto de xerentes de compra (PMI), que caeu até 48,9 puntos desde os 49,9 de xuño, marcando o nivel máis baixo en oito meses.

En concreto, o dato de actividade do sector servizos en xullo logrou manterse en zona de expansión (por riba do limiar dos 50 puntos), cunha lectura do PMI de 51,1 puntos (o seu peor dato en seis meses), fronte aos 52 do mes pasado, mentres que o PMI manufactureiro acelerou a súa caída, até os 42,7 puntos (en mínimos de 38 meses) desde os 43,4 en xuño.

Comentarios