Madrid é a comunidade onde máis diñeiro inviste o Estado

Os últimos orzamentos do Estado desta lexislatura, referidos á anualidade de 2023, recollen un investimento na Galiza de 1.072 millóns de euros. A falta de coñecer a súa liquidación definitiva todo apunta a que unha contía moi importante do mesmo non será executada. Madrid volverá ser a máis favorecida polo gasto estatal.

grafica-web-BOA
photo_camera Cantidades orzadas polo Estado e executadas na Galiza entre 2015 e o primeiro semestre de 2022. (Nós Diario).

Ningún dos orzamentos aprobados polos Executivos de Mariano Raxoi e de Pedro Sánchez superaron o investimento das contas públicas de 2010. Naquela altura, o Goberno de Rodríguez Zapatero, obrigado a pactar co BNG para sacar adiante os orzamentos, destinou á Galiza 2.000 millóns de euros.

As contas públicas dos Executivos de Raxoi e Sánchez ficaron moi lonxe desa contía. Así, na súa primeira lexislatura, de 2011 a 2015, o maior investimento correspondeuse co exercicio de 2015 e situouse en 1.385 millóns de euros. Nesa anualidade, o Executivo estatal só investiu na Galiza 863 millóns, 492 millóns de euros menos do orzado.

Os investimentos na segunda lexislatura de Raxoi situáronse por baixo da primeira. Neste caso, as contas públicas estatais recolleron 924 millóns para Galiza en 2017 e 936 millóns en 2018, actuando este orzamento prorrogado nos dous primeiros anos do Goberno de Pedro Sánchez. Porén, o incremento de 1,2% no gasto dunha anualidade a outra, ficou moi por baixo doutras comunidades.

A suba de 1,2% no orzamento de 2018 contrastou coas alzas experimentadas noutros territorios. Así, o incremento en Castela-A Mancha foi de 37,5%, en Cantabria de 36%, en Euskadi de 33,4%, en Andalucía de 27%, en Madrid de 24% ou en Catalunya de 17,3%.

A situación non mellorou co Goberno de coalición entre PSOE e Unidas Podemos liderado por Pedro Sánchez. Neste sentido, no seu primeiro orzamento, aprobado en 2021, recolleu un investimento na Galiza de 831 millóns, seguíndolle 1.074 millóns na anualidade de 2022 e 1.072 millóns nas contas de 2023. A contía da dotación orzamentaria impediu desenvolver proxectos chaves para o país, en diversos ámbitos, como o ferroviario.

A execución

O baixo investimento previsto nas contas de Mariano Raxoi e Pedro Sánchez veu acompañado dunha reducida execución orzamentaria. Segundo os datos achegados pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) do Ministerio de Facenda, entre 2015 e o primeiro semestre de 2022, último período con cifras publicadas, o Goberno estatal deixou sen investir na Galiza 3.562 millóns de euros orzados nas contas públicas.

O gasto executado polo Estado en Madrid entre 2015 e 2021 foi de 8.763 millóns de euros. Só no exercicio de 2019, o nivel de execución orzamentaria estivo por baixo das previsións das contas públicas, concretamente, en cinco millóns de euros. Así, o realmente investido na capital do Estado nese período superou en 3.919 millóns de euros o recollido nos orzamentos.

Madrid volveu ser nestas dúas últimas lexislaturas a comunidade autónoma máis favorecida polo investimento estatal e rexistrou os mellores números en cada unha das anualidades, situándose a continuación Andalucía.

Comentarios