Naturgy é multada con seis millóns de euros por manipular o prezo no mercado eléctrico

A sanción imposta á enerxética refírese ás actuacións realizadas no segmento de mercado de restricións técnicas pola súa central de ciclo combinado 'Sabón 3', na zona eléctrica da Galiza, durante o período do 23 de marzo de 2019 ao 31 de decembro de 2020.
Logo de Naturgy (Foto: Europa Press)
photo_camera Logo de Naturgy (Foto: Europa Press)

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo unha sanción de seis millóns de euros a Naturgy Generación por ofertar nos servizos de axuste para a xeración de enerxía eléctrica, concretamente no mercado de restricións técnicas, a prezos excesivos e dispares, con respecto ás súas ofertas no mercado diario eléctrico, sen xustificación, co obxecto de incrementar os seus ingresos, informou o regulador.

Ademais, co fin de resarcir dos sobrecustos ocasionados, impónselle unha achega de carácter indemnizador de 35,5 millóns ás liquidacións do operador do sistema, para compensar o dano ocasionado reducindo os custos da adquisición de enerxía por parte da demanda. Esta contía será repartida entre a demanda nun número de meses iguais aos que durou a actuación, é dicir, un total de 22 meses.

Nun principio, estimábase que a achega por estes beneficios da conduta infractora deberían ascender a 43,2 millóns de euros, aínda que nas alegacións achegadas pola empresa reduciuse esta cantidade aos 35,5 millóns de euros.

En concreto, a sanción imposta polo regulador á enerxética refírese ás actuacións realizadas no segmento de mercado de restricións técnicas pola súa central de ciclo combinado 'Sabón 3', na zona eléctrica da Galiza, durante o período do 23 de marzo de 2019 ao 31 de decembro de 2020.

Segundo a CNMC, 'Sabón 3' aproveitaba as situacións nas cales a competencia no mercado de restricións era reducida para incrementar as súas ofertas no mercado de restricións técnicas e obter así uns maiores ingresos.

Neste sentido, o artigo 65.33 da Lei 24/2013, do Sector Eléctrico determina como infracción moi grave "a manipulación do prezo dos servizos de axuste por parte dun axente do mercado mediante a realización de ofertas a prezos excesivos, que resulten dispares de forma non xustificada dos prezos ofertados polo mesmo noutros segmentos do mercado de produción".

Así mesmo, o artigo 69.1.b) da mesma Lei estabelece que "cando non sexa posíbel a restitución das cousas ou repoñelas ao seu estado natural, indemnizar os danos irreparábeis por contía igual ao valor dos bens destruídos ou a deterioración causada, así como os prexuízos ocasionados, no prazo que se fixe".

Desta maneira, o organismo presidido por Cani Fernández indicóque procede aplicar, ademais de actuacións de natureza sancionadora, outras medidas adicionais de carácter indemnizador, que permitan compensar á demanda polo dano ocasionado con esta conduta ilícita.

Naturgy poderá interpor contra esta resolución un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional no prazo de dous meses a partir do día seguinte da súa notificación.

Comentarios