O prezo da gasolina alcanza o seu máximo anual tras cinco semanas de incrementos

O récord coincide co pico de desprazamentos na ponte do 15 de agosto.
Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).

O prezo medio dos carburantes proseguiu esta semana a súa tendencia á alza e encadea xa a quinta semana consecutiva de subas no que vai de verán. Ademais, na antesala da ponte do 15 de agosto, a gasolina alcanza o prezo máximo do ano 2023.

En concreto, a gasolina atópase 1,82% máis cara que a semana pasada, rexistrando un prezo de 1,68 euros por litro, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Boletín Petroleiro da Unión Europea. Desta forma, escala ao seu valor máximo desde a antepenúltima semana do ano 2022, cando o prezo por litro era de 1,688.

Pola súa parte, o prezo medio do diésel tamén encadea a súa quinta semana consecutiva de subas (+3,4%) para alcanzar un custo de 1,552 euros por litro, un nivel que non rexistraba o combustíbel desde finais de marzo.

Con estas novas repuntas, o prezo de ambos os carburantes supera tamén os niveis aos que ascendían antes do estalido da guerra de Ucraína pola invasión rusa (comezou o 24 de febreiro de 2022). No caso do diésel, o custo naquela altura era de 1,479 euros por litro, e no da gasolina era de 1,594 euros por litro.

A espiral alcista no prezo dos combustíbeis prodúcese a escasas horas de que dea comezo a ponte do 15 de agosto, un dos momentos nos que máis desprazamentos de vehículos por estrada se prevén no ano. Non obstante, os custos mantéñense lonxe dos máximos que tocaron ao redor de hai un ano, cando no mes de xullo de 2022 ambos os dous carburantes superaron o limiar de 2,1 euros por litro.

Encher o depósito é máis barato que hai 12 meses

Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros de diésel ascende actualmente a 85,3 euros, fronte aos 103,9 euros -18,6 euros máis- que custaba a estas alturas do pasado ano, incluíndo o desconto de 20 céntimos por litro que estaba vixente naquela altura. No caso da gasolina, encher un depósito de 55 litros supón hoxe uns 92,4 euros, 11 euros menos que os 104,5 euros que custaba no mesmo período do ano 2022.

O ano pasado, pola escalada no prezo dos carburantes pola crise enerxética provocada pola situación xeopolítica mundial, estaba vixente a bonificación mínima de 20 céntimos por litro de combustíbel para o conxunto da cidadanía aprobada polo Goberno estatal dentro do seu plan de resposta á crise de prezos.

Por outra parte, o diésel suma 25 semanas seguidas por baixo do prezo da gasolina. Mantense así na situación habitual de antes da invasión rusa de Ucraína, que provocou que o prezo do gasóleo fose máis caro que o da gasolina de forma continuada desde agosto de 2022 até mediados de febreiro do presente ano, cando se rompeu esa dinámica.

Neste contexto, esta quinta feira o barril de Brent, de referencia en Europa, cotizaba a 87,4 dólares (79,64 euros), mentres que o Texas americano alcanzaba un custo de 84,21 dólares (76,73 euros).

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica (independente da do petróleo), a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas. Ademais, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente a custo dos carburantes, senón que o fai con atraso.

O prezo medio estatal dos carburantes fica por baixo do da UE

A pesar das cinco semanas de subas consecutivas do prezo dos combustíbeis, ao nivel actual, o custo da gasolina mantense no conxunto do Estado español por baixo da media da Unión Europea (UE), situada en 1,801 euros por litro, e da zona euro, cun prezo medio de 1,861 euros. No caso do diésel, o prezo medio a nivel estatal tamén é inferior ao da media da UE, que é de 1,689 euros por litro, e ao da zona euro, onde marca un custo medio de 1,725 euros.

Comentarios