Sanción de 150.000 euros á armadora do 'Pitanxo' por desactivar xeolocalizadores en catro buques

Os barcos con bandeira española sancionados apagaron repetidamente a súa xeolocalizar sen motivos lexítimos "máis de 1.200 veces durante polo menos 24 horas", o que constitúe para a organización unha infracción contra a seguridade marítima e o incumprimento das normativas pesqueiras, salienta a organización Oceana.
Imaxe de arquivo do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo do 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Nós Diario)

O Goberno español sancionou con máis de 150.000 euros de multa o Grupo Nores, armadora do Vila de Pitanxo, por desactivar xeolocalizadores noutros buques mentres faenaban en alta mar perto das costas da Arxentina. Catro barcos do grupo con base central en Marín (O Morrazo) están entre as 25 embarcacións, a maioría de empresas galegas, nas que foron detectadas este tipo de irregularidades, segundo un informe facilitado pola organización Oceana.

En total, a Dirección Xeral da Mariña Mercante impuxo multas que ascenden a un montante de 158.420 euros por mor de catro expedientes a barcos pesqueiros de empresas que pertencen a Grupo Nores, alegando incumprimentos da normativa que obriga aos buques a feanar con sistemas de xeolocalización activados en todo momento.

Entre os buques de Grupo Nores que incorreron nestas irregularidades está un buque xemelgo do Vila de Pitanxo, o pesqueiro afundido en augas de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, nun naufraxio no que faleceron 21 persoas. Outra ducia de empresas galegas foron sancionadas por estas prácticas. En concreto, Pesquerías Marinenses —Marín— tamén foi sancionada por desconectar de forma reiterada en catro dos seus barcos os sistemas de localización, polo que debe abonar multas que ascenden a un global de 143.000 euros.

O grupo vigués Freiremar —con tres expedientes sancionadores por valor de 57.500 euros—, a compañía canguesa Moradiña —dúas multas por 79.300 euros— e Gadimar de Bueu —dúas sancións por valor de 39.100 euros— son outras das empresas galegas con máis dun barco implicado nestas prácticas. Tamén foron multadas as armadoras Profesionales Pesqueros (Vigo), Gandón (Cangas), Pesca Baqueiro (Vigo), Walvifish (Vigo), Pesqueras de Bon (Marín) e Pesqueras Barra (Cangas).

Nun comunicado, a organización sen ánimo de lucro Oceana felicita ao Goberno español polas sancións impostas ás empresas responsábeis destes barcos, pois afirma que "poucos países comunitarios" multaron armadoras por incumpriren a normativa que obriga os buques a manter activado en todo momento os seus sistemas de identificación automática.

Segundo Oceana, os barcos con bandeira española sancionados apagaron repetidamente a súa xeolocalizar sen motivos lexítimos "máis de 1.200 veces durante polo menos 24 horas", o que constitúe para a organización unha infracción contra a seguridade marítima e o incumprimento das normativas pesqueiras.

E é que todos os buques pesqueiros con pavillón dun país da Unión Europea e máis de 15 metros de eslora deben estar equipados cun dispositivo SIA que transmita localización, dirección e velocidade do buque no mar. Entre as excepcións para desconectar este sistema están, por exemplo, a navegación en zonas frecuentadas por piratas.

Comentarios