Un ollar A Fondo sobre as restricións do Estado español á Xustiza Universal

As presións de China e Israel están por detrás dos recortes á aplicación do principio de xurisdición universal no Estado esapañol. As últimas modificacións na LOPX afectan  a causas como o ataque ao Mavi Marmara ou o caso Couso. Analízamolo neste A Fondo coordenado por Esculca.

A Fondo capa 359
photo_camera A Fondo capa 359

Hai anos, o Estado español era referente na aplicación do principio de xurisdición universal. A xustiza española atreveuse de feito, nos anos 90, cos crimes das ditaduras chilenas e arxentinas. O ex militar arxentino Scilingo permanece aínda hoxe nun cárcere español, condenado por delitos de lesa humanidade. Porén, na actualidade, o descrédito da aplicación da xurisdición internacional por parte do Estado español é total. O primeiro recorte chegou en 2009 da man de Moratinos, entón na carteira de exteriores, e atendendo a presións de Israel. O segundo, máis limitador aínda, foi aprobado este ano, como cesión aos interese chineses. No A Fondo desta semana, analizamos como estas medidas afectan a causas aínda abertas, como o asasinato de Xosé Couso en Bagdag por parte do exército americano, ou o ataque israelí ao buque Mavi Marmara en 2010, que foi asaltada polo exército xudeu para frustrar a súa intención de facer chegar axuda humanitaria a Gaza.

Este A Fondo, coordinado por Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades, analiza os efectos que as últimas reformas están a ter en causas abertas de gran repercusión. Introdúceo Pilar Allegue, profesora de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, quen fai explícitas as presións de gobernos como o chinés ou o israelí sobre o español.

Sobre o caso Couso escribe para este A Fondo un dos avogados que nel traballa, Raúl Maíllo, ou co ataque israelí ao Mavi Marmara, ao redor do que escribe o presidente de Esculca, Fernando Blanco, e o activista de BDS Galiza, Pablo Iglesias Valeiras. "A reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial deixa pouco espazo aos xuíces da Audiencia Nacional para manter a única función coherente do ponto de vista do garantismo xurídico conferida a este tribunas especial: a xustiza universal", afirman

Así mesmo, Gustavo García, avogado da Fundación Galega contra a Impunidade, escribe sobre a querela presentada na Cámara Federal Arxentina para investigación dos delitos de xenocidio e contra a humanidade cometidos entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977 no Estado español. A propia xustiza española, que fixo aplicación do principio de xurisdición universal, fronte ás leis de Punto Final e Amnistía sudamericanas, porén "non o acepta fronte aos crimes cometidos no estado español, que considera prescritos ou amparados pola Lei de Amnistía de 1977", analiza.

Esculca entrevista precisamente, para este A Fondo, ao impulsor da causa polo xenocidio franquista en Arxentina, Carlos Slepoy. O avogado, expatriado no Estado español tras sufrir tortura e secuestro en Arxentina nos anos 70, pronúnciase sobre o actual desprestixio da Xustiza española con respecto á aplicación do principio de xurisdición universal: "Foi lanzada a mensaxe contraria ao principio de xustiza universal: que cando median intereses económicos e políticos a xustiza é relegada. Como acontece no Reino de España a respecto dos crimes do franquismo".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios