A pía bautismal que se lle resistiu á Cidade da Cultura

A pía bautismal de Torbeo tardou máis dun mes en se incorporar á exposición Gallaecia Pétrea. Despois de ser solicitada á diocese de Lugo da que depende, a peza quedou almacenada no Gaiás até o pasado día 19 que finalmente foi instalada. A penitencia da pía de Torbeo non foi a única do conxunto patrimonial exposto na Cidade da Cultura.


A popular pía en que se bautizaron os antepasados de Torbeo toleou a organización da exposición de maior presuposto dos últimos tempos. Tardou máis de un mes en se expoñer, dado que a estrutura preparada non garantía a seguridade da peza. Na Cidade da Cultura mesmo valoraron a posibilidade de non incorporala á mostra, unha vez estaba nas dependencias do Museo e logo do complexo traslado que supón unha peza que pesa 800 quilos e merece un trato exquisito para a súa conservación. A Diocese de Lugo cedeu a pía a cambio da súa restauración, práctica habitual de colaboración mutua entre institucións e entidades e maneira, neste caso, de actuar sobre unha peza patrimonial que doutro xeito non contaría con ningunha partida orzamentaria.

“Pedíusenos unha listaxe de pezas de grande relevancia. Algunhas deixáronse e outras non. Neste caso prestouse porque compensaba a súa restauración” comenta César Carnero, Delegado de patrimonio da diocese de Lugo. O bispado de Lugo participou na medida das súas posibilidades coa exposición, seguindo o normativa que contempla a colaboración coas administracións públicas pero, mesmo así algunhas das pezas incluídas nos listados eran de moi difícil traslado sen que os prexuízos foran graves. En Ribas de Miño quedou, por exemplo, unha Epifanía con problemas de perda de policromía ou o sartego de Temes de moi difícil extracción e traslado.

Con respecto da pía de Torbeo, ao ser preguntado, Carnero sinala que “despois de faceren o traslado non se puido expoñer debido a que a estrutura non resistía o seu peso. Puido haber unha certa improvisación á hora de organizar a mostra”. A pía de Torbeo pesa arredor de 800 quilos e é das poucas de inmersión que se conservan. 

“Aínda que o que transcende publicamente é outra cousa, a Igrexa e os propios fieis estamos a facer un grande esforzo pola conservación do patrimonio, en especial o rural. Vemos, por exemplo, como se gasta unha cifra desorbitada nunha exposición como esta cando cando hai xoias espalladas e en perigo como pinturas murais ou retablos extraordinarios” explica Carnero. Na diocese de Lugo incluíron esta valoración na carta que, no remate da montaxe, lle remitiron á Fundación Cidade da Cultura.

A penitencia da pía de Torbeo non foi o único atranco na xestión “apresurada e improvisada”, segundo varios correos das pezas, da exposición que abriu o Museo de Galiza. Se a pía quedou instalada o pasado xoves, día 19, non foi até o 20 que deron situado no lugar previsto o cruceiro que se trasladara desde o Museo de Lugo.

Distintas fontes indícannos que por parte dos comisariados chegaron a incluírse nas listaxes de peticións para a mostra “pezas encastradas, que cumpría desfacer muros para sacalas. Só as coñecían por fotografías, nunha as viran no lugar de orixe”. A organización recibiu queixas tamén pola pouca calidade dos soportes expositivos que xa tomban en varias pezas ao non aguantaren o peso previsto ou non reúnen condicións de temperatura e humidade requiridas como a vitrina dos alabastros. En concreto, a primeira estrutura que se ve no primeiro andar xa se está a inclinar polo peso soportado, a pouco máis dun mes da inauguración.

O noso ADN

A restauradora da diocese de Lugo, Carolina Casal, asistiu a todo o proceso de montaxe, mesmo á noite interminábel que precedeu á inauguración. Ao ser preguntada polo proceso afirma que ela traballa nunha diocese en que “desde o bispo até o delegado na materia manteñen que o patrimonio é o noso ADN e require por iso medidas moi rigorosas de conservación e manexo”. Termos que comparte co propio Carnero, que tamén inclúe o ADN no seu discurso. A nivel persoal, Carolina Casal, lamenta que haxa patrimonio en perigo de destrución como “ a igrexa do Incio mais tamén cabazos, hórreos ou lavadoiros do riquísimo patrimonio popular e rural” cando se inviste millón e medio nunha mostra de difícil rendibilidade nos seis meses que pode durar.

A montaxe está a provocar críticas non só polo elevado orzamento senón pola montaxe expositiva con estruturas de madeira sen tratar pouco axeitadas, segundo varios especialistas, para as pezas expostas. Por outra parte, o discurso museográfico tamén está a ser cuestionado xa que se reduce a unha sucesión de pedra sen contar o país e a historia en que se produce.

Comentarios