Festival na Casa da Matanza o 14 e o 15 de xullo

Abride a fiestra, dixo Rosalía

As crónicas da época relatan que, antes de morrer, Rosalía de Castro pediu a quen a acompañaba: “Abride a fiestra, que quero ver o mar”. Estaba na Casa de Matanza, en Padrón. Abride a fiestra é xustamente o nome escollido pola fundación que coida e difunde o legado da poeta para a primeira edición do seu festival, o 14 e o 15 de xullo.
 

casa da matanza
photo_camera A Casa da Matanza, en Padrón. Foto: Fundación Rosalía de Castro.

RosaliaEnFesta2018

Na primeira xornada, sábado, o programa centrarase na subida en dorna polo río Ulla. Embarcacións tradicionais -dornas, galeóns, gamelas, bucetas, botes e gamelas- remontarán o curso fluvial entre Valga e Padrón. Organizado en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa, o acto chámase Inchadiña Branca Vela. Rematará na Casa de Rosalía coa actuación de Habelas Hainas.

Mais, como en toda festa, no Abride a fiestra hai un “día grande”. Será o domingo, 15 de xullo, data da morte de Rosalía de Castro en 1885. “Celebraremos unha unha xornada de portas abertas na Matanza, Rosalía en Festa”, indican desde a fundación. Actuacións musicais, unha feira con “produtos rosalianos” e visitas guiadas servirán de escusa.

De amosar ángulos inéditos e inauditos da escritora e a súa casa en Padrón encargaranse profesoras especialistas como Pilar García Negro ou Manuel Lourenzo Baleirón, o académico Xosé Luís Axeitos ou a música Mercedes Peón. O deseñador Pepe Barro, experto nas imaxes da poeta- ou Carlos Dacal, investigador da horta da Casa da Matanza, tamén ofrecerán os seus coñecementos aos presentes.

InchadinhaBrancaVela2018

Haberá, igualmente, a oportunidade de ver as históricas imaxes da Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951). Este foi unha das primeiras convocatorias públicas do galeguismo despois da Guerra Civil. Contará cun comentarista de excepción, porque estaba alí: Xosé Manuel Beiras.

A vertente escénica cubriraa o espectáculo de monicreques A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola, e mais a visita especial para a infancia dirixida pola actriz Mónica Caamaño a xeito de Rosalía e co acompañamento musical de José Luís de Pico Orjais. As poetas Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos e Paula Antía Rei lerán a súa obra. Cinta Adhesiva, o proxecto musical da poeta Silvia Pena, e as improvisadoras orais Alba María e Xairo d'Herbón, moveranse entre a música e a palabra. Na música quedan Margarita Viso e a Coral Padronesa.

Abride a fiestra, tamén como calquera festa, contará cunha xornada de véspera. A sexta feira 13 de xullo inaugurarase Rosalía e o Carril, no Museo do Ferrocarril en Carril (Vilagarcía de Arousa). Á noite dramatizarase o poema Quero ver o mar, recrearase “a derradeira viaxe en lancha que fixo Rosalía desde á praia á estación” e tocará Najla Shami.  

A Fundación Rosalía de Castro organiza o festival Abride a fiestra. Nel colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación da Coruña, o Concello de Padrón, e as empresas Vermús Petroni e adegas Paco & Lola.

Máis en CULTURA
Comentarios