Alonso Montero: "Eu para a RAG son unha bicoca"

O novo presidente da Academia Galega di que Ferrín se equivocou ao sinalar que viaxando no coche oficial aforraba 12.000 euros e asegura que coa súa chegada a institución evitará desembolsar até 13.000, pois el viaxará en tren "que é máis barato e fanme un desconto do 40%"


O ensaísta Xesús Alonso Montero, recentemente eleito presidente da Real Academia Galega, está convencido de que a súa chegada vai supoñer un grande aforro para as arcas da institución: "son unha ganga", di. E botou contas. En total, o aforro que suporá será de 13.000 euros, ao renunciar ao coche oficial para se desprazar en transporte público.

"Vou sempre en tren, que é máis barato e ademais fanme un desconto do 40% polo que son unha bicoca". O seu antecesor no cargo, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalado pola imprensa por facer uso "dun coche de luxo" (alén do "nepotismo" na contratación de familiares), aseguraba que facer uso do vehículo asignado á RAG axudaba a economizar por volta de 12.000 euros. Porén, Alonso Montero di que non, que a equipa anterior se equivocou nos cálculos e que o seu si que será un aforro de verdade: "co tren si que se aforra", insistiu nunha entrevista concedida á axencia Efe.

"É o meu marxismo o que me levou a aceptar a candidatura a presidente, mais non son académico por marxista. Son académico por filólogo e por defensor da lingua, e isto ten que quedar moi claro", sinala o presidente da RAG, que lle disputou o cargo a Manuel González e venceu por unha marxe moi estreita nas votacións. 

Con todo, enfatiza que "só aceptei ser presidente pola miña condición de marxista, porque entendo o ben público por riba de todo, que se non... neste momento en que sei que vou morrer sen rematar cinco libros que teño..." Acrecenta que Ferrín non estaba tampouco na Academia "por independentista" porque a lingua "non é nin sequera dos nacionalistas, e díxeno en moitas ocasións". Por derradeiro, Alonso Montero definiuse a si propio como "moi galeguista", mais refusou aproximar posturas coa lusofonía e o reintegracionismo.

Máis en CULTURA
Comentarios