Máis un ano, Cariño convértese durante a vindeira semana na capital das artes escénicas

Bota a andar a Mostra de Teatro Galego, a decana do país, con XLI edicións

Co espectáculo de rúa "Percebes de Ortegal", de Barafunda Animación arrinca hoxe a cuadraxésimo primeira edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño, a decana do país. O acto de inauguración terá lugar ás 21.00 horas na praza do Concello e, no decorrer da mesma, faráselle entrega a Pablo Méndez do premio do público da edición anterior. O actor volverá pór en escena o espectáculo "Quimera". 
Patapatúm
photo_camera Unha imaxe de Patapatúm, de Elefante Elegante, programada para o martes [Imaxe: Mostra]

A XLI Mostra de Teatro Galego de Cariño estenderase até o vindeiro xoves, ratificando, máis unha vez, a importancia que para a difusión e socialización das artes escénicas do país ten este evento no que o Concello, canda outras administracións e organismo, vén apostando desde finais da década dos 70.

A edición deste ano, como vén sendo habitual, combina as representacións no espazo público coas que se desenvolverán no Auditorio municipal. Estas últimas teñen un prezo de cinco euros por función e, no caso das que están pensadas para o público infantil, dun euro.

Após a xornada inaugural, mañá sábado é a quenda de Ghazafelhos, que representará na Porta da Pulida a partir das 12.00 horas, a súa obra "A illa sen tesouro",dixirida por Pepablo Patinho. De volta á praza do Concello, o "Campín", no serán, ás oito e media, sairán a escena Vol´E Temps, que presentarán "DistanS", un espectáculo a medio camiño entre o teatro e o circo polo que foi recoñecido nos Premios Fetén deste ano e tamén no Lorca Espectáculo de Circo. 

Coa xornada do domingo saltarán á palestra os membros de N+1 e o seu "Circanelo", desta volta na praza do Mercado. Será ás doce do mediodía. O teatro terá unha paréntese antes do xanar, ás 13.15 horas, co rock e o soul de Broken Peach na praza do Concello. 

A terceira xornada da Mostra péchase con dúas propostas máis. Ás oito e media da tarde na Praza Roxa co "Vaia circo" de Kanbahiota, que hai cinco anos recibira o galardón nos certames Festiclown de San Fernando e no Guay de Guadalajara; e xa no Auditorio ás 22.15 horas, coa creación de Malasombra Producións "Bernarda (Vilalba, 1975).

A actividade proseguerá toda a semana até o xoves. 

Máis en CULTURA
Comentarios