Atlántica, o festival internacional de narración oral, chega por primeira vez a Caldas

O malecón do Xardín Botánico acollerá o día 3 de xullo as ‘Lendas suburbanas’ de Quico Cadaval e o día 4 o espectáculo familiar ‘Vulgarcito’ de Jaime Santos
O dramaturgo e narrador Quico Cadaval (Foto:LaDiapo / AAAG)
photo_camera O dramaturgo e narrador Quico Cadaval (Foto:LaDiapo / AAAG)

Atlántica, o Festival internacional de narración oral, chega este ano por primeira vez a Caldas de Reis "cun mar de contos" para persoas adultas e rapazada. O malecón do Xardín Botánico acollerá os días 3 e 4 de xullo os espectáculos de Quico Cadaval e de Jaime Santos, destinados respectivamente a público adulto e infantil (+4anos) e familiar, totalmente de balde.

O Tenente de Alcalde Manuel Fariña fixo unha chamada á veciñanza a gozar desta iniciativa, na que participa por primeira vez a vila termal, e que levará 90 funcións de narración oral a 25 municipios galegos e outros cinco portugueses durante a primeira semana de xullo. O nacionalista destaca que as funcións permitirán ás veciñas e veciños de Caldas "pasar un tempo entretido entre risas, pero tamén momentos de reflexión, ao tempo que se conserva o patrimonio inmaterial da narración oral".

 

A primeira cita en Caldas será o 3 de xullo (21 horas), coa estrea do espectáculo Lendas suburbanas de Quico Cadaval, un monólogo destinado a público adulto, no que o polifacético narrador fará que as vellas lendas rurais "asalten o territorio da modernidade enmascarándose e modificándose para devolver ao público os vellos terrores e as antigas gargalladas".

O día 4 (ás 12 do mediodía) será a quenda do espectáculo Vulgarcito dirixido a público infantil e familiar, da man de Jaime Santos, de ‘La Chana Teatro’, un dos grandes referentes da escena salmantina. "De maneira rimada, articulada, redondeada, recta e inclinada como unha gargallada", a historia que contará Santos presentará a vida dun pobre raparigo que habita nun reino triste. Sobre unha mesa, o manipulador dos monicreques crea un mundo de obxectos e personaxes no que dá conta das aventuras que, Vulgarcito, o protagonista, sofre nos distintos traballos polos que vai pasando.

Fariña destaca que ambos espectáculos culturais son dunha grande calidade, o que xunto coa contorna na que se van representar, "un espazo de moito valor natural", farán que a experiencia sexa "moi satisfactoria". 

 

Comentarios