Bosco Caride espón os seus 'Indicios' no Marco de Vigo

A Fundación Luis Seoane da Coruña inaugura esta sexta, 22 de marzo, a exposición Coser el río, da artista andaluza Victoria Gil (Badajoz, 1963), unha das primeiras artistas españolas cuxa obra estivo posicionada nas correntes feministas desde os seus comezos.
Bosco Caride. Sen título, 2023. Óleo sobre panel de aluminio.
photo_camera Bosco Caride. Sen título, 2023. Óleo sobre panel de aluminio.

Esta quinta feira, 21 de marzo, inaugurouse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) a exposición Indicios, do artista vigues Bosco Caride que estará patente até o vindeiro 15 de setembro.

A mostra xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe. Turner, Constable, por citar os pioneiros, que igual que as xeracións posteriores e os impresionistas, se inspiraron nas nubes e descubriron nelas unha dimensión plástica. En efecto, Bosco Caride traballa coidadosamente estes "estados atmosféricos ou gasosos" en tanto que composición, veladuras, cor... á fin e ao cabo, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra..

Non obstante, o título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis ca un simple formalismo ou unha expresión abstracta. Este algo non é visible e está oculto no cadro -ou fóra del-, pero é a causa real do "fume", que non é outra que a explosión, o drama, o conflito, a contaminación... En definitiva, existe unha dimensión simbólica, talvez política, que dá sentido e sobrevoa a obra de Bosco Caride.

A de Caride é unha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación.

 

Arte feminista na Coruña

Pola súa parte, a Fundación Luis Seoane da Coruña inaugura esta sexta, 22 de marzo, a exposición Coser el río, da artista andaluza Victoria Gil (Badajoz, 1963), unha das primeiras artistas españolas cuxa obra estivo posicionada nas correntes feministas desde practicamente os seus comezos na década dos 80.

Organizada polo C3A Centro de Creación Contemporánea de Andalucía e CAAC Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, en colaboración coa Fundación Luis Seoane e o Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo, a mostra presenta un diálogo entre os traballos máis recentes da creadora andaluza, pertencentes a series como Los locales trabajan (2023), Estaban tan tranquilitas (2023) ou Las casas gitanas (2019-2022), creados espeficamente para este proxecto, e outros de períodos anteriores.

 

Máis en CULTURA
Comentarios