A carballeira máis querida por Manuel María vestiuse de festa

A V edición do Convivio da Cultura Galega volve reunir en Outeiro de Rei un nutrido grupo de entidades que traballan na cultura de base por todo o país.

Dhz6cO-W0AAkYzz

Din os que o coñecían que había tres festas que Manuel María nunca se perdía: a do Día da Patria, a do seu santo (o 1 de xaneiro) e a de Santa Isabel, na primeira fin de semana de xullo. Por iso a carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei e moi pertiño da Casa Manuel María, é un lugar especial que este sábado volveu convertirse, como diría Xurxo Souto, en "epicentro do mundo e da festa".

A carballeira acolleu a quinta edición do Convivio da Cultura Galega, cita na que tomaron parte 36 asociacións de todo o país, federadas en Galiza Cultura. Música, xantar, títeres, foliada, memoria, amizade, compromiso... Outeiro de Rei volveu acoller a todas aquelas persoas que quixeron así homenaxear a Manuel María ao tempo que se tenden ligazóns entre colectivos e entidades que traballan na cultura de base en chave de país.

Organizado pola Casa Manuel María e coa contribución da Federación Galiza Cultura, a asociación Solfa e mais a Deputación de Lugo; o convivio enraízase nas romarías populares. Un programa no que o xantar de convivencia fai de meridiano: antes, o coro da Asociación Cultural e Musical Solfa acompañado do grupo de música tradicional Untia; para dar paso á banda municipal Sons e Soños, que agrupa músicos dos municipios de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
 

"El estaría moi satisfeito"

A tradicional ofrenda floral a Manuel María no cemiterio da vila, onde repousan os seus restos é un dos actos mais emotivos. Alí, Pilar García negro, dirixíndose ás persoas presentes afirmou: "El [Manuel María] estaría moi saisfeito ao ver que é capaz de reunir aquí esta asemblea nacional, esta asemblea de galegos e galegos". O canto do Himno Galego puxo o ramo á ofrenda.

O xantar reuniu ducias de persoas na carballeira, cada quen coa súa propia achega culinaria, desde asmáis 'contundentes' até sobremesas, para partillar en convivio. Os monicreques e a foliada, con xente de todas as idades a participar e gozar, encheron a tarde coa mellor oferta.

Máis en CULTURA
Comentarios