O Congreso sobre Socialización do Patrimonio decorrerá no Gerês-Xurés

O SOPA volve ao sur da Galiza, á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que se estende polos concellos de Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar, na fronteira con Portugal e conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes e tamén máis descoñecidos da Galiza
Casola do foxo, en Muiños. A rexión conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes e tamén máis descoñecidos da Galiza.
photo_camera Casola do foxo, en Muiños. A rexión conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes e tamén máis descoñecidos da Galiza.

Educar no común, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura; e emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías.

Estes foron os alicerces do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural celebrado en Celanova no ano 2014. Naquela altura, o Congreso SOPA lograra reunir 200 investigadores e activistas, a debater sobre o futuro do rural.

Dez anos despois o SOPA volve ao sur da Galiza, á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que se estende polos concellos de Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar, na fronteira con Portugal e conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes e tamén máis descoñecidos da Galiza. 

Organizado polo GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da UVigo a través dos investigadores Beatriz Comendador e Óscar Penín, tamén co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear e de La Underground Colectiva, desenvolverase ao longo dunha semana, do 2 ao 8 de setembro.

No congreso presentaranse máis de 60 comunicacións de países como, entre outros,  México, Alemaña ou Portugal, realizadas por case un centenar de investigadores da arqueoloxía, a educación ou a antropoloxía.

O SOPA quere pór o foco, nos saberes herdados a través das persoas maiores contando cunha xornada dedicada integramente a este tema e onde intervirán, entre outros, os antropólogos ourensáns Manuel Mandianes e Fátima Braña. 

Comentarios