Exporase permanentemente en Fonseca

Consorcio de Santiago e Deputación adquiren o Legado de Carlos Maside

Despois de meses de negociacións entre familia e institucións, o Legado de Maside permanecerá en Compostela, tal e como desexaba o artista. O Consorcio da cidade adquirirao por 430.717 euros, dos que a metade serán achegados pola Deputación da Coruña.
 

Carlos-Maside.-Lavandeiras-ca.-1956.-Óleo-sobre-lenzo.-Colección-Legado-Carlos-Maside
photo_camera As lavandeiras (1956), cadro de Carlos Maside pertencente ao seu Legado.

A obra de Carlos Maside que conforma o Legado estará exposta permanentemente no edificio de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela. Accederase á mostra polo Xardín das Pedras que Falan -un proxecto do escritor Suso de Toro acabado de inaugurar.

“O acordo permitirá que as obras permanezan en Compostela, cumprindo así o desexo do artista”, sinalou nun comunicado o Consorcio de Santiago, organismo de cooperación interinstitucional formado por Xunta, Goberno do Estado e Concello de Compostela.

O Legado de Carlos Maside (Potecesures, 1897-Compostela, 1958), ate agora propiedade da familia do pintor, contén 21 pezas: 13 óleos sobre lenzo, un pastel, tres gouache e catro debuxos a lapis. Escolleunos o propio artista, nome fundamental da xeración da República ou Os Novos, como testamento pictórico.

Máis en CULTURA
Comentarios