A cuarta feira 22 de agosto ás 19.30 horas arrincará o encontro. Será no anfiteatro a Veracruz e a apretura correspondará a Vueltos de Rosca, que ofrecerán Totum Revolutum. Ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal, Deste Xeito interpretará Loló e Mamá.
Ao día seguinte, Pistacatro -compañía circense- amosará A vida tola. Será tamén ás 19.30 no anfiteatro da Veracruz. Tres horas máis tarde no Auditorio, Panadaría Teatro exporá Elisa e Marcela, sobre as dúas mulleres que se revolveron contra os costumes represores da súa época.
A derradeira xornada do Fetega será a sexta feira 24 de agosto. Ás 19.30 horas, no anfiteatro, haberá circo, o espectáculo O que queda por chover, de Duelirium. E ás 22.30, Artesa Teatro pechará a mostra no Auditorio con Chola a it girl.
Ademais das obras, o festival de teatro do Carballiño conta cunha programación paralela que comezou este sábado cun obradoiro de performance a cargo de Alba Blanco e María Roja. A animación de rúa achegarana diversas pezas de Barafunda. E a sexta feira, 24 de agosto, tres mesas de debate reflexionarán sobre o “pasado, presente e futuro das mulleres na escena galega”.
O Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia son os principais patrocinadores do encontro.