Un filme arxentino e outro brasileiro vencen no Festival de Ourense

Baronesa, da brasileira Juliana Antunes, e La vendedora de fósforos, do arxentino Alejo Moguillansky, veñen de se facer cos principais galardóns da 22 edición do festival de cinema de Ourense, o de mellor filme da competición Óperas Primas e o de mellor filme da competición Iberoamericana, respectivamente.
 

xurados festival ourense
photo_camera Membros dos xurados do Festival de Cinema de Ourense. Foto: cedida.

"A directora trata con forza e unha mirada sensible a intimidade e a sexualidade feminina", expón o xurado do certame sobre Baronesa, "e crea un relato valente e vital sobre os espazos de resistencia e perseverancia das mulleres". A obra de Antunes tamén gañou o premio do xurado do Cineclube Padre Feijoo, que salientou a "delicadeza, sensibilidade e repsecto" con que filma "a vida das mulleres nunha favela".

A arxentina La vendedora de fósforos é unha vía "para pensar o real a través da ficción". Adscrita a esa zona do cinema contemporáneo en que as barreiras xenéricas se eslúen, o xurado sinalou "a habilidade para construír un relato combinado materiais diversos sen perder impulso" de Alejo Moguillansky. O estadounidense Chris Gude foi distinguido co premio Carlos Velo á mellor dirección pola fita Mariana.

O outro premio do festival dirixido por Fran Gayo outorgouno o xurado universitario, e foi para Vermelho Russo, do brasileiro Charly Braun por "unha viaxe cara á madurez na que a ficción e a non ficción, o persoal e o artístico, se retroalimentan". La noche polar, da arxentina Florencia Romano, e 69 minutes of 86 days, do noruegués Egil Haskjold Larsen recibiron mencións especiais na competición Iberoamericana e na de Óperas Primas.

O xurado da sección competitiva Iberoamericana formárono os cineastas Elena Martín, Xacio Baño e Ramiro Ledo -tamén responsábel de Cinema Numax. O da sección Óperas Primas, a xornalista Blanca Martínez e os programadores Xosé Ramón Rivas e Meghan Monsour. Os filmes premiados proxectaranse este sábado nos Cines Ourense Pontevella e o domingo no Cineclube Padre Feijóo.

Comentarios