Galiza e Portugal rescatan o Imaxina Sons

Co orzamento minguado case á metade respecto da anterior edición -de 300.000 a 170.000 euros- e a presentación realizada a unha semana do comezo, o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons resiste unha edición máis, e van oito. Do 21 ao 30 de xuño a cidade de Vigo volve a ser referencia do jazz cunha programación dirixida polo compositor e músico Nani García.
Luisa Sobral
photo_camera Luisa Sobral

As propostas galegas e portuguesas consolidan o seu espazo no festival sendo a responsable de inauguralo a estrela emerxente do jazz luso Luisa Sobral. "Ao longo deste último ano recibimos moitas comunicacións, sobre todo de músicos, para que contratasemos grupos locais, grupos galegos ou da contorna máis próxima. Como unha maneira de apoiar ao jazz próximo en tempos difíciles", explicou Nani García na presentación do festival, auspiciado polo concello de Vigo. Novos talentos como o batería Iago Fernández que presenta o disco Agromando (sábado 23, Conservatorio Superior de Música de Vigo), os vigueses de Suelen Estar Quartet co seu laboratorio de sons contemporáneos (martes 26, MARCO) e a aventura europea da Orquestra Voland (sábado 30, Praza da Constitución), co saxo Roberto Somoza ao fronte, representan o presente e o futuro do jazz en Galicia. Germán Díaz, que a estas alturas xa pode ser considerado galego, amosará ao público o seu "Método cardiofónico" (Luns 25, MARCO), proposta musical baseada nas investigacións dun cardiólogo, e o pianista compostelán Abe Rábade forma parte do quinteto de Pablo Martín Caminero (Domingo 24, Conservatorio).

Hai máis que facer no Imaxina Sons. De Portugal chegan, por unha banda, Luisa Sobral e o seu proxecto vitalista (Xoves 21, Terraza do Auditorio Mar de Vigo) cunha voz que lembra a Norah Jones e acompañada dunha boa banda de jazz, e, noutra punta do espectro musical, Rodrigo Amado Motion Trio, expoñente do free que colabora desta volta co saxo británico Paul Dunmmall (Venres 22, Conservatorio Superior de Música). As figuras consagradas do jazz son menos que noutras edicións, pero cabe destacar a participación do alemán Joachim Kühn (Sábado 30, Auditorio Municipal) e do tunecino Dhafer Youssef (Venres 29, Praza da Constitución) co seu laúde e a súa mestura de jazz e música de raíz. "Se a pasada edición había unha querencia polo británico e o nórdico, este oitavo festival olla máis cara o sul, cun aire máis mediterráneo", apunta Nani García.

É Imaxina Sons un festival de jazz, pero non un festival purista. Escenarios como o do MARCO ou o Auditorio Municipal acollen propostas arraianas destinadas a públicos que procuran o risco. Por esa razón o seu director Nani García considera natural a inclusión de espectáculos como o do sempre sorprendente pianista Carles Santos xunto ao colectivo Cabo San Roque (Venres 21, Auditorio Municipal), famoso pola construción de máquinas que son auténticas orquestras mecánicas. "Para unha festival coma este é unha obriga contar con propostas que teñen que ver coa contemporaneidade, coa improvisación, aínda que non sexan jazz", sinala García. Dos once concertos, seis son gratuítos e cinco custan entre 3 e 5 euros. Toda a info do festival en:
www.imaxinasons.com

Máis en CULTURA
Comentarios