CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'La loi du marché'

A lei do mercado. Aceptarías calquera cousa por conservar o teu emprego? 

 

LA LOI DU MARCHÉ
(Francia 2015, 93 min.)
Dirección: Stéphane Brizé
Guión: Stéphane Brizé e Olivier Gorce
Fotografía: Eric Dumont
Elenco: Vincent Lindon, Yves Ory, Karine De Mirbeck, Matthieu Schaller, Xavier Mathieu, Noël Mairot, Catherine Saint-Bonnet, Roland Thomin

SINOPSE
Con 51 anos, e despois de 20 meses desempregado, Thierry volve traballar. Pero pronto se atopa ante un dilema moral. Pode aceptar calquera cousa para conservar o seu emprego?

CRÍTICA 
Resulta practicamente imposíbel non evocar aos irmáns Dardenne tras ver La loi du marché, concretamente Dous días, unha noite. Se naquela Marion Cotillard tiña que loitar contrarreloxo por manter o seu posto de traballo, nesta Vincent Lindon ten unha situación laboral tan abafante que terá que aceptar calquera traballo con tal de levar cartos a casa. Sen ser a versión masculina de Dous días, unha noite, si parece un verdadeiro spin-off dunha das personaxes ás que Cotillard pide axuda. Sendo benévolos poderíamos dicir que simplemente utiliza os preceptos Dogma 95: carencia de música enlatada, cámara en man, naturalismo... pero é que o francés Stéphane Brizé vai un chisco máis aló e semella ser o alumno máis avantaxado dos directores belgas. De feito, se non miramos os títulos de crédito calquera pensaría que é dos Dardenne.

"Se non miramos os títulos de crédito calquera pensaría que é dos Dardenne" 

En fin, esta homenaxe ou carencia de estilo, tampouco ten porqué face saltar as alarmas nin ser óbice para gozar deste drama humano arredor da precariedade laboral, fiel reflexo do que estamos a vivir fai xa demasiados anos, a pesares que na mass media nos intenten vender o contrario. Supón o terceiro traballo en colaboración con Vincent Lindon (tras Madmoiselle Chambon e Quelques heures de printemps), polo cal obtivo o Premio a Mellor Actor no pasado Festival de Cannes, basicamente por aguantar plano estoicamente até desde a caluga e, sobre todo, por ser capaz de transmitir o nuboeiro invisible que ten permanentemente na cabeza.

Todo un monstro da contención dramática e da expresividade minimalista que interpreta a un pai de familia programador de autómatas que queda sen traballo. Pasada a cincuentena, tras case 20 meses procurando emprego e facendo cursos inútiles do Inem (ou como lle chamen en Francia), e xa farto de esperar o xuízo por despido improcedente que non da chegado, toma a decisión de baixar o listón e aceptar o que sexa xa que o bono estatal non lle vai dar nin para pipas. Acaba así de vixiante de seguridade nun hipermercado. 

La loi du marchéA pesares de ser un homus adaptativus, paciente e moi válido, tamén é un home de principios. Este novo posto será unha proba diaria dos seus límites de tragar con todo. La loi du marché contén un punto de humor cotiá que fai algo máis doado soportar o drama dunha personaxe golpeada pola vida que ben poderíamos ser calquera de nós. Unha traxicomedia realista que comeza con moita forza pero que se acaba desinchando nunha deriva onde se van diluíndo as interesantes premisas iniciais. Apunta, sen denunciar, a actual deshumanización laboral e social onde, moitas veces, non nos damos conta que tras unha caixeira de supermercado, camareiro, vixiante xurado, limpadora ou calquera outro traballo considerado “de baixa cualificación”, hai xente. Xente que respira. Persoas con problemas, amizades, familia, vida... Non por nada o título (“o valor do mercado”) fai clara alusión ao valor das persoas. Filme social necesario, inda que carente de estilo (cando menos “propio”), que axuda a recordar algo tan básico que seica aínda queda algún/ha despistado/a por aí que se cre máis que os demais. Pódese ver dentro da Sección Oficial do Cineuropa Compostela.
 

Comentarios