Biografía novelada en galego

Nelson Mandela en dirección á liberdade

Foi unha figura chave do século XX. Nelson Rolihlaia Mandela simbolizou o combate por todos os medios contra o racismo, a desigualdade e o colonialismo. Naceu hai practicamente 100 anos -o 18 de xullo- en Sudáfrica e morreu en 2013. Presidente do seu país entre 1994 e 1998 -o tramo máis controvertido da súa vida-, Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade recolle, en forma de novela, a súa axitada existencia.
 

Nelson_Mandela,_2000_(5)
photo_camera Nelson Mandela no ano 2000. Foto: cedida.

Editada por Faktoría K -o selo de Kalandraka dedicado á literatura para adultos-, a biografía é do profesor Antonio Lozano (Tánxer, 1956). Da versión galega encargouse o crítico e novelista Ramón Nicolás. “Todo aquilo que se conta sobre Nelson Mandela é estritamente conforme ao que foi a súa vida e a súa obra política”, di a Nota aclaratoria, “mais tamén algo de novela e, xa que logo, aparecen varios personaxes de ficción a través dos que nos chega a historia”.

nelson mandela

Desde a editorial indican que o libro “conta fielmente como foi a súa vida e como desenvolveu a súa obra política. Tamén narra os momentos máis importantes de Mandela na súa loita contra a segregación racial”. A obra está enfocada a “lectores e lectoras xuvenís e adultos” e inclúe dous anexos, un sobre os textos do personaxe Walter “para o museo de Qunu sobre os momentos maís importantes de Mandela na súa loita contra a segregación racial”. Outro, con frases célebres do líder.

“Deixade que campe a liberdade. O sol nunca iluminou un logro humano máis glorioso”, di unha desas sentenzas. Outra: “Os países colonizias nunca desenvolveron realmente África. As pequenas infraestruturas que crearon estaban sempre dirixidas ao colonizador, nunca á poboación autóctona”. Desde 2010 e a proposta da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o 18 de xullo de cada ano é o Día Internacional de Nelson Mandela.

Zweig, Twain, Esopo


A historia de Mandela non será a única novidade de Faktoría K. O selo prepara ademais edicións en galego de Unha historia detectivesca de dobre canón, de Mark Twain e tradución de Antía Veres Gesto, e do portentoso Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig en versión de Laureano Araújo .

Ademais, Kalandraka publicará un volume de Fábulas de Esopo adaptadas por Xosé Ballesteros -director da editorial- e con ilustracións de Dani Padrón, e mais Unha historia, con texto e debuxos de Marianna Coppo, traducida por Ballesteros.

Máis en CULTURA
Comentarios