CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Mary Shelley e a historia de pantasmas máis terrorífica

maryshelley2
photo_camera Un fotograma do filme

MARY SHELLEY

(Reino Unido-Luxemburgo-EUA 2018, 120 min.)

Dirección: Haifaa Al-Mansour

Guión: Emma Jensen e Haifaa Al-Mansour

Fotografía: David Ungaro

Música: Amelia Warner

Elenco: Elle Fanning, Douglas Booth, Bel Powley, Maisie Williams, Tom Sturridge, Stephen Dillane, Ben Hardy, Joanne Froggatt

 

SINOPSE

Mary Godwin é unha moza inquieta, lectora voraz e afeccionada ás historias de pantasmas. O poeta Percy Shelley descubre nela un enorme potencial como escritora. Un verán viaxan a Xenebra invitados por Lord Byron. Após unha tarde de tormenta deciden matar o tempo xogando a ver quen escribe a historia de pantasmas máis terrorífica.

 

CRÍTICA

Hai unha morea de adaptacións ao cinema de Frankenstein: desde a mítica O doutor Frankenstein (1931, James Whale), pasando pola hilarante comedia Young Frankenstein (1974, Mel Brooks), superproducións coma Frankenstein de Mary Shelley (1994, Kenneth Branagh) con Robert de Niro no papel do monstro, ou centos de pastiches que xogan a reinterpretar o conto, tales coma Drácula contra Frankenstein (1972, Jess Franco), Eu, Frankenstein (2014, Stuart Beattie) ou Victor Frankenstein (2015, Paul McGuigan). Pero nunca se fixera un biopic (en condicións) da súa creadora: Mary Shelley, unha feminista adiantada ao seu tempo que xa ía sendo hora de reivindicar. E que mellor momento que coincidindo co segundo século da publicación da súa obra máis coñecida: Frankenstein ou o Moderno Prometeo.

 

Hai bastantes paralelismos entre a directora encargada de levar á gran pantalla este biopic e a vida real da escritora. Haifaa Al-Mansour (A bicicleta verde) foi a primeira muller cineasta de Arabia Saudita, e Mary Shelley, a primeira muller en escribir unha novela de ciencia ficción/terror. Unha tivo que derrubar muros e teitos de cristal nun país onde ser muller é toda unha desvantaxe... a outra tivo que facelo nun século (o XIX) no que tamén o era. Semella, pois, de xustiza que sexa Al-Mansour, e non outra, a encargada de dirixir o filme.

 

Mary Godwin (Elle Fanning) é unha moza de 16 anos amante da lectura con todo un mundo de historias ao seu alcance grazas á librería que rexenta seu pai (Stephen Dillane). Tamén gusta de escribir e contar pequenas historias de pantasmas a súa medio irmá (Maise Williams). Anda nesa idade de rebeldía na que se cuestiona todo, incluso a si mesma: “Hai algo no funcionamento da miña alma que non entendo”, chega a afirmar. Un día coñece o poeta Percy Shelley (Douglas Booth) e namora ata as trancas malia que é un home casado, amante das xoldas e do amor libre. Pero Mary tamén é un espírito libre adiantado ao seu tempo así que, malia ser un amor tumultuoso, tamén é apaixonadamente auténtico. En 1817 viaxan a Xenebra para pasar uns días en compaña de Lord Byron (Tom Sturridge) que está aos coidados do seu médico particular, John Polidori (Ben Hardy). Nunha tarde de tormenta xogan a ver quen escribe a historia de pantasmas máis terrorífica. Este simple xogo vai fraguar o xerme dunha das novelas máis universais da literatura.

 

Dirección e posta en escena impecábel a medio camiño entre unha novela de Jane Austen (Orgullo e prexuízo) e outra de Nicholas Sparks (O diario de Noah) con reminiscencias da historia real de Margaret Keane (levada ao cinema por Tim Burton en Big Eyes). Romanticismo de manual, feminismo en tempos escuros, amor a contracorrente, o ego do artista ou a autoría do escritor, son algúns dos temas tratados nesta obra de corte académico, e algo irregular, con suficientes xiros, matices e tensión como para que manteñamos o interese ata o final. Non só descubriremos todas as reviravoltas e dificultades para que a novela de Mary Shelley chegara a bo termo (que non foron poucas), senón que tamén saberemos quen foi o verdadeiro responsábel de que os vampiros teñan ese aura romántica que os caracteriza. E non, non foi Bram Stoker...

 

Máis en CULTURA
Comentarios