Un manifesto chama a apoiar o “cinema heroico galego”

Na véspera do Día da Patria, a Mesa pola Normalización Lingüística presenta o manifesto O Cinema herorico galego. Nel, da man de persoas e entidades do sector, chama a “posibilitar que a sétima arte, en todas as súas vertentes e correntes artísticas, fale galego”.
 

IMG_0088
photo_camera Acto público de presentación do manifesto 'O cinema heroico galego'.

“Coa licenza de reformular a célebre cita de Castelao, que reivindicaba a nosa lingua como quinta esencia da galeguidade”, arrinca o documento, “pretendemos chamar a atención sobre o valor do idioma -desde unha perspectiva política, económica, cultural, xeográfica e histórica- e argumentar asía a necesidade dun compromiso firme co cinema rodado en galego”.

O texto estabelece unha peculiar xínea para o novo cinema galego e menciona os xograres Johan de Cangas, Meendinho ou Martín Codax-, Rosalía de Castro, o Manuel Antonio “que lle regalou o galego ás vangardas” ou o Blanco Amor “que escribiu a primeira novela moderna da literatura galega”. E Chano Piñeiro, claro: “Abriu o camiño do cinema no noso idioma”.

“Porén, a cinematografía galega segue precisando heroes e heroínas que a fagan medrar ata elevar o voo e amosarse en toda a súa grandeza, aquí e acolá”, apostila. “Igual ca a viticultura heroica non escatima esforzos en colleitar os mellores acios nos socalcos”, engade, “o cinema heroico galego é un convite a destilar na grande pantalla un patrimonio cultural forxado durante séculos”.

Os promotores do manifesto tamén enumeran os exemplos da historia do cinema dos que, ao seu ver, pode aprender o galego: neorrealismo italiano, free cinema inglés, nouvelle vague francesa ou “en casos máis contemporáneos, o cinema xaponés, iraní ou coreano, ou mesmo os recentes éxitos do cinema de Euskadi coa película Handia [Jon Garaño, Aitor Arregi, 2017], rodada en éuscara, ou do cinema catalán co filme Estiu 1993, rodado en catalá [Carla Simón, 2017]”.

“Acaso o seu éxito e, daquela, a súa capacidade de transcender o tempo e o espazo”, pregúntase O Cinema heroico galego, “non poderían radicar na súa autenticidade, na fideliadade á súa cultura, á súa terra, á súa lingua, bebendo sen complexos da súa esencia?”. “O éxito do cinema galego non pode nin debe fuxir deste paradigma”, engade.

O documento sinala o vínculo cos países de fala portuguesa e a oportunidade que iso supón para as cineastas e os cineastas galegos e vai concluíndo cunha aposta polo galego “tento desde o punto de vista público como privado”. “Apelamos polo cinema heroico galego por parte dos directores e directoras, dos e das guionistas, dos produtores e das produtoras, das empresas de produción, das salas de exhibición, da distribución, das institucións, dos medios de comunicación e da sociedade”.

O manifesto recada apoios na Rede. Entre eles xa se conta a sinatura da actriz e presentadora Nieves Rodríguez, a directora Anxos Fazáns, o director e autor do texto do manifesto Ignacio Vilar ou a actriz Mabel Rivera. Todas elas estiveran presentes na comparecencia pública ante os medios de comunicación que se realizou esta terza feira ás 11:30 horas na Libraría Couceiro de Compostela.

Máis en CULTURA
Comentarios