Nace a primeira revista de videoxogos en galego

A Revista Morcego é a primeira publicación periódica en galego dedicada ao mundo dos videoxogos. Dixital, os seus primeiros contidos veñen de aparecer na Rede: www.revistamorcego.com.
 

revista morcego
photo_camera Capa da 'Revista Morcego'.

Morcego é a primeira revista dixital de videoxogos en galego”, sinalan os seus promotores na propia web, “un proxecto xornalístico que pretende informar dunha maneira veraz sobre unha das industrias culturais máis importantes dos nosos tempos”.

A publicación conta coas seccións de análise, reportaxes, opinións, Zona Retro, actualidade ou deportes. É xustamente a Zona Retro unha das máis singulares, dedicada ao repaso pola prehistoria dos actuais videoxogos: das innúmeras versións de Spider-Man ao Metal Gear Solid, “un dos xogos que cambiou a industria dos videoxogos” hai agora dúas décadas.

Avanzos de novos proxectos, convocatorias como o RetroVigo -un encontro de nostálxicos das que un día foron novas tecnoloxías do videoxogo-, ou entrevistas con xogadores profesionais ou aspirantes a selo son algúns dos materiais que se poden atopar xa en Morcego.

O xornalista Carlos Pereiro atópase detrás do proxecto e conta co apoio da Mesa pola Normalización Lingüística.

Máis en CULTURA
Comentarios