O novo filme do xovense Xacio Baño competirá no prestixioso Festival de Locarno

Volverá haber presenza galega nun dos máis prestixiosos e avanzados festivais de cinema de Europa. Trote, o novo filme de Xacio Baño (Xove, 1983), competirá no Festival de Locarno, en Suíza.

fotograma de 'Trote'
photo_camera Fotograma de 'Trote', de Xacio Baño.

O filme, cuxa orixe se atopa na rapa das bestas de Amil, relata unha historia “de animais que xogan a ser humanos”, segundo explicou Baño a Sermos Galiza. A historia nace nunha familia rural axitada pola morte da nai. Actores e actrices galegas de primeira orde encarnan as personaxes dun filme coral: María Vázquez, Melania Cruz, Celso Bugallo ou Tamara Canosa.

Despois de pasar por Locarno -entre o 1 e o 11 de agosto; será a edición número 71-, Trote estrearase en Donosti, no célebre festival. Producido por Frida Films e Cibroliai Films, no guión participou, ademais do propio Xacio Baño, o escritor Diego Ameixeiras.

Non é a primeira vez que Locarno acolle cinema galego. Obras de Lois Patiño, Eloy Enciso ou Helena Girón pasaron polas súas pantallas desde 2012.

Máis en CULTURA
Comentarios