O FIC de Bueu, a por todas

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu afronta a súa edición máis ambiciosa, con máis de medio cento de actividades e após recibir máis de 2.200 curtas. Nesta edición, a undécima, proponse atraer máis de 15.000 persoas.

FIC bueu
photo_camera FIC bueu

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu nace en 2008 coma un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto, para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional. Dese entón e até o de agora, o festival foi medrando. Este ano, o Ficbueu celebra a súa undécima edición cunha completa e coidada programación. O Centro Social do Mar acollerá un cento de proxeccións entre o 7 e o 15 de setembro, pero tamén haberá múltiples actividades paralelas das que gozar.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu proponse atraer nesta edición unhas 15.000 persoas cun ambicioso programa que inclúe medio cento de actividades cinematográficas e de lecer. Deste xeito, “o certame afronta o reto de pendurar o cartel de “non hai billetes” durante 9 días”, do 7 ao 15 de setembro. Así o explicou o director do Fucbueu, Manuel Pena, na presentación esta semana do evento,.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, lembrou que “nestes anos, o festival foi quen de ir medrando co apoio das distintas administracións pero, sobre todo, co esforzo da organización”, logrando “manter a súa esencia”. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, destacou a “aposta do FICBUEU pola formación de novos públicos, por realizar actividades ao longo de todo o ano e por dignificar a figura da muller”, tanto a través da programación coma do equipo de traballo.

Pola súa banda, o director da Agadic, Jacobo Sutil, recoñeceu asemade a capacidade organizativa e a calidade do programa do FICBUEU 2018, do que quixo “salientar a Sección Galicia R, con cinco destacadas curtametraxes de produción galega”, ademais das actividades paralelas, que van da gastronomía e a formación aos espectáculos protagonizados por Luis Davila ou Carlos Blanco. “Unha programación que vai mellorando cada ano”, apuntou.

Claves da programación

O director do Festival  resumiu as claves da programación, que se pode dividir en 3 bloques: sesións de curtametraxes, actividades paralelas de carácter cinematográfico e propostas de ocio vinculadas a outras disciplinas artísticas. Entre as primeiras, sitúase a proxección de 80 curtas, estruturadas en diferentes seccións: Internacional, Galicia R, España, Escolas e Panorama, esta última coas mellores obras que non entraron a concurso.

As actividades cinematográficas inclúen coloquios coas e cos cineastas convidados, conferencias, clases maxistrais ou programas de radio especializados, como é o caso de ‘Carne cruda’ ou do show ao vivo ‘De Galicia a Hollywood’, con Rodrigo Cortés, Juan Gómez-Jurado e Arturo González Campos. Serán citas todas elas protagonizadas por  profesionais de recoñecido prestixio no audiovisual galego pero tamén fóra das nosas fronteiras, tal e como acontecerá no Encontro con Mabel Rivera. Ao tempo, búscase aproveitar e promocionar o talento local, establecendo colaboracións con outras asociacións ou artistas como Luis Davila e Marc Taeguer, que crearán ao son de Fuzzo en ‘Debuxando coa luz’.

Entre as actividades culturais que complementan as citas cinematográficas sitúase unha interesante oferta musical que inclúe os concertos de Xoel López e De Vacas, entre outras actuacións en directo, alén de propostas para nenas e nenos. 

Máis en CULTURA
Comentarios