O mellor Carlos Blanco, ao vivo

Vender dúas mil entradas antecipadas para un espectáculo é un milagre só reservado a unhas poucas persoas. Carlos Blanco é unha delas. A punto de comezar as catro maratonianas sesións de “Carlos Blanco ao vivo (por agora)” en que vai gravar en directo os seus mellores monólogos o Teatro Colón está case a rebentar.
Carlos Blanco
photo_camera Carlos Blanco

Serán catro sesións cos mellores monólogos de Carlos Blanco. Dúas en galego e dúas en español, todas elas gravadas ao vivo para que o artista teña, por fin, un DVD co que se presentar polo mundo. Trátase dun espectáculo autoproducido que levantou tal expectación que sorprendeu o propio protagonista. “Non contaba con que fose tanto. Superamos o que estaba previsto, do que ben me alegro porque desta son eu o empresario” comenta Blanco, poucas horas antes de subir ao palco dun Teatro Colón que atopará completo.

As sesións en galego -hoxe, sexta feira, ás 20.30 e sábado ás 22.30- teñen as entradas esgotadas e quedan só unhas poucas nas sesións en castelán. “Quería gravar os monólogos e o Colón era un teatro acaído e soñaba con que estivera cheo mais non contaba con tanto!” explica, nestas horas previas nas que acumula enerxía para “dálo todo” diante dos máis de dous milleiros de persoas que asistirán aos seus contos.

Por que producir el mesmo e gravar os monólogos? Pois, segundo explica, porque en xuño foi convidado a Barcelona a un espectáculo organizado polo Pare Manel Pousa con Serrat, Sabina, Els Tricicle, Manel Fuente ou Buenafuente entre outros e pedíronlle un DVD e non tiña nada que dar. “Como non foran ao youtube...”. E foi entón cando decidiu botar a andar o “Carlos Blanco ao vivo”, gravar e comercializar o resultado. “Dixen para min, págoo eu e logo véndese. A quen? Estou convencido que os galegos que marchan para Oslo ou México botan de menos o polbo ou os pementos e tamén outras cousas de aquí así que, coa mesma, levan para alá o DVD”.

Con ese fin, quere que o espectáculo sexa redondo. Sairá ben vestido e preparado, cun escenario ao xeito e collendo o mellor do repertorio. O mellor de Carlos Blanco. Preparouse a fondo porque sabe o esforzo físico que significa un maratón de tal intensidade. “Traballo visceralmente e para iso compre ter enerxía. Catro sesións seguidas son un reto mais o público diante tira moito por un” comenta.

Serán catro contadas distintas. A primeira máis política e social, traída da actualidade, con algúns dos temas que estes días saen nos xornais. Á baixa de Baltar no PP, pon por caso, daralle unha volta das súas nalgún momento. A segunda, máis na noite, será máis gamberra, algo pornográfica mesmo. Na terceira tentará explicarlle aos de fóra que é iso de ser galego e na cuarta tornarase máis íntimo e persoal, cunha homenaxe á terra, á xente próxima e á súa Arousa tan referenciada.

Un cocido compartido para fans

O que xa sabe Carlos Blanco é que se el aguanta as catro sesións no escenario, vai ter tamén quen siga cada un os momentos desde as butacas. Unhas vinte persoas mercaron entradas para as catro funcións. Carlosblanquistas que serán recompensados cun cocido compartido. “Se teñen a santa paciencia de estar nas catro sesións, ben merecen un cocido. Anunciei que convidaría e así o farei, pareceume divertido” dinos Carlos Blanco desta singular “campaña de promoción” que desenvolveu nas redes sociais nas que ten tamén un grande predicamento.

Que conto non faltará do repertorio no Colón? Pois algúns momentos estelares de Carlos Blanco volverán de novo á escea e cóstalle responder que brillante momento é o que o público recibe con maior entusiasmo. Non hai reglas, ás veces mesmo se sorprende do resultado. “Diríache que hai unha frase que sempre ten unha acollida enérxica. É nunha contada sobre a Illa de Arousa, cando unha muller di Quere kiwis?. Non podo explicar máis, só se entende no teatro. Tes que estar diante e ver como acontece”.

Carlos Blanco di que precisaba a enerxía do Teatro Colón cheo e abofé que a vai conseguir. “Só falta que eu estea brillante”, tanto para as dúas mil persoas que estarán diante como para as que, en diante, podan acceder á gravación polo DVD ou polas canles de distribuición que experimente cos seus monólogos gravados ao vivo.

O próximo, con amigos

Se no Teatro Colón, o vivo Carlos Blanco presentarase só no escenario, non vai tardar en saír acompañado. Na mente ten un novo espectáculo para o que convidará aos amigos, a aquelas persoas próximas do mundo da música e o teatro que partillarán con el un “Carlos Blanco e amigos” no que xuntará a artistas que, como Uxía ou Manecas Costa, teñen xa compartido escenario con el. Será, sen dúbida, outra boa ocasión para xuntar un público que cada vez lle é máis fiel.

Comentarios