Roberto Cordovani volve a Greta Garbo

Despois de que nos anos oitenta visitara á grande actriz con Olhares de Perfil, Roberto Cordovani volve agora á personaxe de Greta Garbo en Divina Garbo que se pdoe ver no Teatro Principal de Compostela até o 22 de febreiro.
Garbo por Cordovani
photo_camera Garbo por Cordovani

A ambigüidade, a brillantez, o misterio e a xenialidade da Garbo volven de novo á escena setenta anos despois de que a súa figura desaparecera do cine. O actor e director de teatro Roberto Cordovani regresa agora da súa estadia no Brasil para volver á escena cun dos seus personaxes privilexiados na súa dramaturxia, a mítica Greta Garbo á que xa lle deu vida nunha das súas máis premiadas e recoñecidas obras, Olhares de perfil que sorprendeu nos teatros galegos na segunda metade dos anos oitenta.

Dirixido por Roberto Cordovanie e Bruno Portela, o espectáculo Divina Garbo da Compañía Internacional de Teatro Arte Livre adéntranse no mundo segredo que rodeou á actriz, misterios propios da novela negra que recompoñen un mundo de espías, servizos segredos e correspondencia privada.

Cinco son os acontecementos da vida da Garbo os que recría Cordovani no seu personaxe, desde a interpretación que a actriz fai da Raiña Cristina ate se situar case á beira da morte que acontecería no ano 1990.

Con Olhares de Pefil, Cordovani recibía o prêmio ao Mellor Espectáculo no Festival Internacional de Edimburgo, o Premio ao Mellor Actor no Festival de Outono de Madrid ou mesmo o Prêmio Compostela de Teatro ao Mellor Actor Protagonista, no mesmo Teatro Principal ao que agora volve cunha nova visión da grande Garbo.

Máis en CULTURA
Comentarios