O festival escocés celébrase desde o pasado día 14 até o 31 de xaneiro, pero é hoxe quinta feira cando comeza a participación galega, co primeiro concerto do proxecto NeXo, un laboratorio creativo multicultural, con presenza de Xabier Díaz e Fernando Barroso por Galiza, xunto con outros artistas galeses, escoceses, arxentinos e uruguaios. O segundo terá lugar mañá sexta feira.
Con estas dúas actuacións péchase NeXo, o laboratorio creativo promovido pola Xunta de Galicia, o British Council e o Wales Arts Internacional para impulsar o intercambio entre as músicas de raíz atlántica de Europa e Latinoamérica.
O sábado 23 será a quenda de Radio Cos, o proxecto de música tradicional liderado por Quique Peón e Xurxo Fernandes, que actuarán xunto cos escoceses Peatbog Faeries.
A presenza galega rematará o domingo co concerto da gaiteira Susana Seivane, que intervirá na homenaxe ao músico escocés Gordon Duncan.