CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Sicario'

A zona fronteiriza entre Estados Unidos e México converteuse en territorio fóra da lei. Kate Macer (Emily Blunt), unha xoven idealista do FBI, alístase para axudar a un grupo de intervención de elite liderado por Matt Graver (Josh Brolin), un axente do goberno que loita contra o tráfico de drogas con métodos pouco ortodoxos.

sicario

Tal e coma fixera en Indendies, o canadense Denis Villeneuve amosa a través dos ollos dunha muller unha realidade incómoda ao mundo que, non poucas veces, chega nesgada polos medios de comunicación de masas ao servizo do poder. Se naquela facía un extraordinario filme antibélico poñendo como exemplo a guerra civil libanesa (crítica no Sermos nº142), en Sicario traslada a acción a unha das zonas máis inseguras do planeta: Juárez (México). De feito o cartel entre ambas fitas é bastante similar...

Nesta ocasión a muller en cuestión é a británica Emily Blunt (Ao fío do mañá) que se mete na pel dunha axente do FBI con gañas de arranxar o mundo. Unha muller de ollar tímido e desconfiado pero ao mesmo tempo unha muller decidida e valente. Os seus elevados ideais irán mudando a medida que vai presenciando que na fronteira de México non todo é como debería de ser. Corrupción, violencia e narcotráfico nun lugar fora da lei onde non está mal visto o terrorismo de estado. O bos non sempre son os bos. O inimigo pode estar agachado onde menos se espera... Josh Brolin (Everest) encarna ao raposo que dirixe este particular galiñeiro de axentes da DEA, SWAT, FBI, Delta Force e policía federal, xunto a un Benicio del Toro (Puro Vicio) que da vida a un misterioso colombiano con máis sede de vinganza que de xustiza. Todos a gran nivel. Inmediatamente despois dunha prometedora presentación de interesantes personaxes, segue unha espectacular secuencia onde un convoi escolta trata de cruzar polo medio das rúas de Cidade Juárez. Unha cidade onde penduran cadáveres mutilados polas esquinas e calquera pode portar un arma. Unha secuencia chea de escabrosos detalles, áxil montaxe e miradas que falan por si mesmas. Marabilla de dirección pola que xa paga a pena todo o filme. Tras quedar abraiados con esta longa secuencia, o filme entra nunha dinámica algo máis densa e menos orixinal que a proposta inicial. Se engadimos isto a que Villeneuve ten a boa costume de ser sutil e parco en explicacións superfluas, o simple pestanexo pode facer que perdamos o fío da historia deixándonos nunha sensación similar a que parece sentir unha axente do FBI tan perdidiña coma un coello que lle deron as largas.

Sicario-800x533Iso si, non se pode descartar que a cousa estea feita adrede para que o respectábel experimente polo que está pasando a protagonista en pantalla... Tirando cara o final a cousa remonta nunha sensacional secuencia de asalto con visión nocturna ao mesmo nivel que a do convoi, e remata nun violento clímax que pode soar a visto, pero que da sentido ao conxunto. Supón a segunda colaboración entre Villeneuve e Roger Deakins tras Prisioneiros, e parece que hai boas migas porque compartirán créditos no esperado remake de Blade Runner. En Sicario aposta por unha fotografía a base de tons ocres, vermello sangue (seca) e solpores enmarcados en nubes que ameazan tormenta. Xunto á punzante banda sonora do islandés Jóhann Jóhannsson, aporta esa opresiva atmosfera que é, sen dúbida, un dos maiores atractivos do filme. Con guión de Taylor Sheridan, actor de televisión metido a guionista, Sicario transita entre o thriller, o cinema de acción, o drama, o cinema bélico e o western fronteirizo. Unha historia escura algo mellorable pero filmada coa destreza dun deses directores que inspiran bo cinema con só ementar o seu nome.

SICARIO

(Estados Unidos 2015, 121 min.)

Dirección: Denis Villeneuve

Guión: Taylor Sheridan

Fotografía: Roger Deakins                                                             

Música: Jóhann Jóhannsson

Elenco: Emily Blunt, Benicio del Toro, Josh Brolin, Jon Bernthal, Victor Garber, Daniel Kaluuya, Jeffret Donovan, Raoul Trujillo, Julio Cedillo, Maximiliano Hernández, Hank Rogerson, Dylan Kenin, Edgar Arreola

Comentarios