Silleda nomea Pilar Abades como ‘(in)visible’ do mes de agosto

O recoñecemento do Concello quere visibilizar a pegada e legado que deixaron e deixan as mulleres no municipio.
Pilar Abades.
photo_camera Pilar Abades.

O Concello de Silleda conmemora este 19 de agosto o Día Internacional da Fotografía recoñecendo a traxectoria da veciña de Lamela Pilar Abades, dedicándolle este mes de agosto o recoñecemento (in)Visibles, programa co que o Concello quere visibilizar a pegada e legado que deixaron e deixan as mulleres no municipio.

Pilar Abades nace en 1985 en Lamela. Actualmente é integrante da cooperativa Illa Bufarda, que vén de recibir o Premio á Excelencia Empresarial de Innovación e Comercialización de produtos e servizos culturais. Pilar Abades é a directora de fotografía do filme Negro Púrpura, un dos traballos de máis proxección da produtora, que pode verse en Filmin.

Conmovida pola obra fotográfica de Sally Man e empurrada pola curiosidade que a cámara e os álbums familiares espertaban nela, Pilar Abades ten claro dende a adolescencia que quere estudar fotografía.

Na universidade forxa, con mestres e compañeiras, relacións que serán chave para o seu posterior desenvolvemento laboral. De 2009 a 2012 traballa como investigadora e deseñadora de exposicións no Arquivo Pacheco de Vigo. Neste contexto, publica o seu primeiro artigo na revista Grial, xunto con Pablo Prado, arredor da fotografía postmortem.

Posteriormente, abre o seu propio estudo de fotografía na casa familiar de Lamela, ao tempo que fai parte do equipo da revista Caleidoscópica, participa en diversas exposicións colectivas e segue a formarse en dixitalización do patrimonio e na análise e crítica artística.

En 2019 entra a formar parte da cooperativa Illa Bufarda, fundada en 2012 onde realiza labores de fotografía, audiovisual, deseño, animación, comunicación e formación en todas estas áreas. 

Comentarios