Éxito de público nas Festas da Peregrina de Pontevedra

O edil de Festas, Demetrio Gómez, ofreceu esta segunda feira un balance do acontecido ao longo dos últimos cidades.
Demetrio Gómez, concelleiro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Demetrio Gómez, concelleiro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O edil de Festas do Concello de Pontevedra Demetrio Gómez, ofreceu esta segunda feira, 19  de agosto, un balance do acontecido ao longo dos últimos días, durante o programa oficial das Festas da Peregrina.

"Todo o verán en Pontevedra está a ser extraordinario, desde que comezamos alá con BDra Gráfica", declarou. "Todas as actividades e citas están cheas de xente. O máis bonito desta semana foi ver as rúas ateigadas e as prazas cheas até a bandeira, dándose, ademais, unha convivencia exemplar entre veciñanza e visitantes".

O concelleiro quixo exemplificar esta boa sintonía entre todas as persoas que pasaron polas festas a través dos propios partes da Policía Local, no que o habitual foi a absoluta normalidade e a non comunicación de incidentes reseñábeis ou destacábeis. Ora ben, o Concello de Pontevedra quixo manifestar de novo, desta vez a través das palabras de Demetrio Gómez, "a nosa máis completa condena á agresión machista acontecida durante un dos concertos e o noso apoio coas dúas mozas que foron agredidas".

O edil de Festas quixo facer fincapé en que aínda quedan actividades e citas por diante, como a Festa do Demo, o Río Verbena ou a Feira Franca, convidando a toda a cidadanía a que "reserven enerxías" para esa última recta de verán festivo.

"É evidente que está a haber un movemento económico moi importante e tamén vemos que estas festas son de todos e de todas, unhas festas onde todas as actividades son de balde e que de ser de pago todas elas esgotarían as prazas", indicou. "Realmente a cidade botou por fóra e foi moi fermoso vela así".

Máis en CULTURA
Comentarios