A igualdade foméntase no rural

A Romaría Ponte Farruca transcorrerá hoxe en Laza (comarca de Verín), acollendo no seu cartaz diversas actuacións musicais, actividades de reivindicación, obradoiros e lecer pensado para todas as idades. Unha iniciativa nada no rural para reivindicar a diversidade sexual e a figura da muller neste ámbito tan esquecido.

A muller e o colectivo LGTBIQ+ teñen o seu lugar no Ponte Farruca.

A romaría Ponte Farruca, en Laza, contempla unha gran variedade de actividades no seu programa. (Foto: Ponte Farruca)
photo_camera A romaría Ponte Farruca, en Laza, contempla unha gran variedade de actividades no seu programa. (Foto: Ponte Farruca)

Todas as iniciativas teñen sempre un xermolo que as leva até onde se atopan no presente. O do Ponte Farruca foi un grupo de amizades nadas de Laza (comarca de Verín) que adoitaban ir a festivais do país con temática queer, de reivindicación e que ademais apostasen pola música en galego. Nunha destas viaxes, acabaron no Agrocuir, que se celebra a finais de agosto en Monterroso (A Ulloa). Quedaron atónitos coa iniciativa, e, falando coa organización, os da Ulloa dixéronlles que oxalá chegase un día no que en cada vila da Galiza houbese un festival que promovese eses mesmos valores. Meu dito meu feito. Tomaron as palabras de forma literal e así naceu a Romaría Ponte Farruca, que celebra hoxe súa terceira edición.

Vale, e o nome?

As faces detrás do Ponte Farruca son un grupo diverso da veciñanza de Laza cuns valores comúns que se promoven no festival: o desenvolvemento do rural e a igualdade de xénero. A súa misión con esta romaría é promover a diversidade, o apoio á muller e pór en valor a vida no rural. "Somos un grupo de arredor de 20 persoas que a súa vez integran grupiños máis pequenos, cada un deles encargado dunha parte da organización", declara Xacobo García, un dos encomendados musicais, a Nós Diario. Ademais deste grupo de organizadores que eles chaman "equipa", a veciñanza de Laza está moi implicada no Ponte Farruca, botando unha man en todo o que pode. 

A igualdade de xénero, a defensa da figura da muller e a posta en valor do colectivo LGTBIQ+ son os piares sobre os que se sustenta a romaría Ponte Farruca

Agora ben, que quere dicir Ponte Farruca? "A verdade é que a idea inicial era pór outro nome", comenta Xacobo entre gargalladas. "Ao falar cos compañeiros do Agrocuir, a idea era incluír a palabra "cuir" (galeguización do termo anglosaxón "queer") no nome. Parecíanos boa idea, pero ao mesmo tempo as persoas podían pensar que estábamos a copiar deles". A localización inicial do festival ía ser na ponte de Souteliño, unha aldea perto de Laza, e así a romaría levaría o nome de "Ponte cuir". O nome non callou nos miolos da organización e, aínda que tiñan a autorización do Agrocuir para adaptar o nome ao seu festival, decidiron innovar. 

As boas ideas sempre saen arredor da mesa dun bar e foi así como xurdiu o nome actual, un xogo de palabras entre o substantivo "ponte" e o verbo pronominal "pórse" xunto con "farruca", empregado para definir unha persoa con enerxía e empeño para actuar cara á defensa constante dunha idea. Atrevemento e enerxía, non se podería definir mellor a esencia do Ponte Farruca. "As mulleres e as persoas do colectivo LGTBIQ+ sufriron durante moito tempo e seguen padecendo de cando en vez, polo que hai que alzar a voz, botar un puño arriba e pórse farrucos", declara Xacobo García.

Unha festa sen exclusión

A romaría busca a construción de sociedades e novas propostas de vida a través do diálogo, a igualdade, a escoita e o divertimento. Teñen os obxectivos ben marcados: reivindicar a igualdade da muller e a diversidade sexual, pór o foco no colectivo LGTBIQ+, fomentar o desenvolvemento sostíbel no rural, recuperar a memoria histórica dos arredores e pór en valor a riqueza material e inmaterial do patrimonio de Laza. É por iso que no Ponte Farruca non se exclúe ninguén. Mocidade, anciás, crianzas e familias enteiras teñen o seu espazo na romaría, que ofrece un programa de actividades pensadas para todos os gustos e idades. 

Ademais da colaboración veciñal e do concello, o Ponte Farruca conta cunha campaña de crowfunding para axudar cos gastos da organización e contratación. Este ano, superaron o máximo que pedían, cifras que non esperaban alcanzar. Contan tamén coa venda de merchandising e servizo de bar durante a xornada de hoxe, pequenas axudas para que este proxecto siga medrando. Desde a organización esperan lograr as cifras de asistentes que tiveron na pasa edición, perto de 700 persoas.

Programa

Multitude de actividades terán lugar hoxe en Laza. Entre elas, unha mostra de automóbiles clásicos, con ruta incluída ás 10 horas. Para amosar a calidade da manufactura galega está a Feira de Artesanía e Material Agrícola. Será á mesma hora que a recepción de tractores e posterior tractorada engalanada. Trátase dun evento para amosar a dedicación ao mundo rural e transformando un vehículo diario do mundo agrícola en algo extraordinario. A tractorada amosa o orgullo e o espírito comunitario da vida no campo. 

A cativada tamén contará co su espazo, o Ponte Farruquiña. Trátase dunha actividade teatralizada de coeducación para promover a igualdade de xénero entre as crianzas. É unha iniciativa feita para o lecer en familia. Ao longo da xornada de hoxe, celebraranse tamén diferentes obradoiros de baile e música impartidos por profesionais. Como o resto de actividades do Ponte Farruca, son totalmente de balde. Os talleres teñen como misión pór en valor a riqueza cultural e musical da Galiza.

A sétima arte, o cinema, ten o seu lugar a partir das 16.30 horas. Fomentarase a inclusión e o pensamento crítico a través de creacións cinematográficas que lle dan visibilidade á muller e á igualdade. Diferentes figuras mediáticas LGTBIQ+ e mulleres do rural da comarca de Verín tamén achegarán o seu gran de area. 

A parte musical do ponte Farruca divídese en dúas franxas. Por unha parte, a sesión vermú ás 12.30, amenizada polas Silveiras do Támega, Kuartetas e a charanga Bicoia. Pola noite, o serán musical vén da man de Mondra, De Ninghures, Monoulious DOP e DJ Celulite, que pasarán pola romaría a partir das 21 horas. Ademais, como un bo xantar non pode faltar, foodtrucks, churrasco e polbo á feira non se queren perder esta xuntanza.

Nesta terceira edición contémplase unha nova actividade, que, de ter boa acollida, converterase nun habitual no Ponte Farruca. Estamos a falar das "Farruca Dates", é dicir, citas rápidas de aproximadamente 10 minutos nas que as persoas participantes rotarán para coñecer o maior número posíbel de xente e crear novas amizades, ou se hai sorte, atopar o amor. Para participar, as persoas tiveron que cubrir un formulario previo cos seus datos persoais, expectativas cara ás citas e dúbidas que tivesen sobre a dinámica das mesmas.

Comentarios